Caída de valados e de lousas na rúa Virxe do Camiño pola borrasca

Pontevedra
28 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

Durante as últimas horas da tarde do mércores 27, os fortes ventos provocaron diferentes desprendementos na rúa Virxe do Camiño, que obrigaron ao peche parcial da rúa por parte da Policía Local de Pontevedra. A provincia máis afectada polos efectos da borrasca Nelson foi Pontevedra cun total de 79 incidencias, segundo apunta o 112 Galicia

Corte da rúa Virxe do Camiño debido aos desprendementos motivados pola borrasca Nelson PontevedraViva

Ao redor das 21.00 horas do mércores 27, debido aos fortes ventos e á choiva producíanse desprendementos de lousas e caída de valos de obra na rúa Virxe do Camiño da cidade de Pontevedra.

Axentes da Policía Local de Pontevedra procedían ao peche parcial da vía establecendo un precinto para evitar o paso.

Operarios da empresa Asista Fincas, con sede en Lérez, acudían arredor das 23.00 horas para realizar a retirada das pranchas susceptibles de caída na mediana do edificio.

Selaban e ancoraban toda a parte da fachada afectada realizando traballo vertical ata as 02.00 horas da madrugada, segundo informan desde a propia empresa pontevedresa, que acometía tamén os labores de limpeza da rúa.

Ao longo deste xoves, os Bombeiros de Pontevedra achegábanse á zona para comprobar en que estado se atopaban os elementos da fachada noutra xornada en que continúan os fortes ventos e a chuvia.

A borrasca Nelson provocaba 79 incidencias na provincia de Pontevedra, segundo apunta o 112 Galicia.

A maioría de incidentes estaban relacionados coa caída de árbores e pólas na calzada, rexistrándose un total de sesenta en toda a provincia. Tamén se contabilizaron 29 problemas motivados pola presenza de obxectos nas estradas.

Os servizos de emerxencias interviñan en 18 ocasións durante a tarde do mércores para evitar riscos, con 15 actuacións motivadas pola caída de cables de luz ou de telefonía nas estradas.

Galicia continúa este xoves 28 baixo a influencia da borrasca Nelson cuxo centro se atopa en Irlanda. Espéranse durante esta xornada a presenza de ondas nas Rías Baixas de entre 5 e 7 metros de altura e ventos do suroeste de forza 7, con intervalos de 8.