As socias do Espazo +60 de Pontevedra de Afundación puxeron en marcha unha tenda solidaria cuxos beneficios se repartirán entre o comedor social de San Francisco e a residencia de persoas maiores con poucos recursos Francisco Ramón Pastor, de Catarroja (Valencia), que este ano sufriu as consecuencias da DINA.
A tenda estará aberta ao público no propio Espazo +60, situado no Café Moderno, os días 18, 19 e 20 de decembro, en horario de 11.00 a 13.00 horas.
Pontevedra conta con dous talleres solidarios. Un é de la creativa, impulsado desde 2023 pola monitora María Ángeles Pérez García, que foi deseñadora de moda e imparte a técnica de bolsos de la e cañamazo.
Chámase cañamazo a unha clase de tecido ou tea clara de cáñamo, liño ou algodón cuxos fíos entrelazados en cadro reciben e dirixen o punto do bordado de tapicería.
Tamén hai un taller de amigurumi, creado en 2024 a iniciativa de Alcira García Vidal.
O termo amigurumi é un acrónimo en xaponés que significa peluche tecido. Consiste en tecer pequenos bonecos mediante técnicas de croché ou ganchillo. Principalmente teñen forma de animais, pero tamén se tecen con outras formas.
En ambos os talleres participan 30 persoas entre 62 e 79 anos.
Esta actividade ten como finalidade o desenvolvemento de hábitos de reciclaxe e promove a creatividade e a imaxinación á vez que fomenta a solidariedade e a cooperación entre os participantes.
Está enmarcada dentro do programa "O valor da experiencia" da área de Maiores, que ten como obxectivo potenciar o seu papel activo na sociedade e o desenvolvemento de actividades de voluntariado.