Caen a 59 os contaxios diarios por covid na área sanitaria pero sobe a hospitalización

Pontevedra
08 de febreiro 2021

A actualización de datos realizada ás 10.00 horas deste luns 8 de febreiro polo Servizo Galego de Saúde reflicte que a área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés mantén 2.483 casos activos de coronavirus, o que supón un descenso de 43 con respecto ao domingo

Urxencias do Hospital de Montecelo Mónica Patxot

Baixa o nivel de contaxios e casos activos pero sobe lixeiramente a presión hospitalaria, con máis pacientes ingresados por covid na área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

Así se reflicte na primeira actualización de datos da semana sobre a pandemia do Servizo Galego de Saúde, ás 10.00 horas deste luns 8 de febreiro, un balance que coloca en 2.483 os casos activos na área pontevedresa, o que supón un descenso de 43 en relación ao domingo.

Esa baixada ten que ver sobre todo na diminución de contaxios detectados nas últimas horas, con 59 novos positivos, case a metade que o día anterior, mentres que as altas epidemiolóxicas foron de 102.

O que non descende nesta ocasión é o nivel de hospitalización de afectado por coronavirus, con 4 pacientes máis ingresados para un total de 132, dos que 21 evolucionan na Unidade de Coidados Intensivos de Montecelo (-2) e os 111 restantes atópanse en planta repartidos entre o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (88), o Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez (11) e o Hospital do Salnés (12).

Desde o inicio da pandemia superaron o covid 8.700 persoas na área sanitaria, rexistrándose 128 falecementos de persoas coa infección activa.

En canto a realización de probas PCR, na última xornada fixéronse 789 que se engaden ás 149.934 efectuadas con anterioridade.

DATOS DE GALICIA

Na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 19.246, o que supón un descenso de 720 nas últimas horas. Por orde, as áreas con maior afectación son A Coruña con 5.161 (-158), seguida de Vigo 3.146 (-155), Santiago 2.932 (-91), Pontevedra 2.483 (-43), Ourense 2.096 (-144), Lugo 1.767 (-96) e Ferrol 1.661 (-33).

Do total de persoas positivas, 254 están en UCI (+6) e 1.063 en unidades de hospitalización (+37). Ata o momento, en Galicia hai un total de 83.504 persoas que superaron a infección (+1.229), rexistrándose 1.967 falecementos asociados ao virus, dos cales 17 foron contabilizados no último día.