Caen a 2.331 os casos activos de covid na área sanitaria, con 31 persoas hospitalizadas

Pontevedra
07 de agosto 2021

O Servizo Galego de Saúde informa este sábado 7 de agosto dunha redución de 88 nos casos activos de coronavirus en Pontevedra e O Salnés. Sete afectados evolucionan na Unidade de Coidados Intensivos de Montecelo

Hospital de Montecelo
Hospital de Montecelo / Mónica Patxot

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés mantén este sábado 7 de agosto a tendencia descendente na afectación da pandemia.

Segundo as cifras que ofrece Sanidade, a área pontevedresa conta con 2.331 casos activos, o que supón unha redución de 88 con respecto ao venres. Este descenso ten a súa base no elevado número de altas epidemiolóxicas, 157, que superan de largo os 69 novos contaxios detectados.

En canto aos ingresos hospitalarios, redúcense en dous para un total de 31 persoas. Delas 24 atópanse nunha planta de hospitalización repartidas entre o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (19), o Hospital do Salnés (3) e o Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez (2). Ademais sete afectados evolucionan na Unidade de Coidados Intensivos de Montecelo (sen cambios).

Desde o inicio da pandemia superaron a covid 17.394 pacientes da área sanitaria, rexistrándose 190 falecementos de persoas con positivo activos, a última este venres unha muller de 85 anos no Hospital do Salnés.

Nas últimas 24 horas realizáronse 418 probas PCR.