Cae ata os 401, 18 casos menos, o número de infectados por covid-19 na área de Pontevedra e O Salnés

Pontevedra
16 de outubro 2020

O número de pacientes curados nas últimas 24 horas nesta área sanitaria é de 50, mentres que no mesmo período se rexistraron 32 novos contaxios

Realización de test PCR no covid auto do Pazo da Cultura Mónica Patxot

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés rexistra este venres, 16 de outubro, un total de 401 casos activos, 18 menos que no día de onte. Uns datos que permiten manter a tendencia positiva dos últimos días, con cincuenta altas tramitadas na última xornada, a pesar de que se confirmaron 32 novos contaxios.

Nos hospitais da área permanecen ingresados 14 pacientes, dos que 11 están en Montecelo e 3 no Salnés. Así mesmo, dúas persoas continúan ingresadas na Unidade de Coidados Intensivos do centro hospitalario pontevedrés. O resto de contaxiados, un total de 385, continúan evolucionando nos seus domicilios. 

O número de curados tamén mellora con cincuenta novas altas e sitúase xa en 2.090 desde o inicio do plan de continxencia da covid-19. Doutra banda, o número de pacientes falecidos na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés é de 25 pacientes.

Nas últimas 24 horas, os profesionais do Sergas realizaron 541 test PCR, que engrosan a cifra de 52.918 realizadas desde o inicio da pandemia no norte da provincia.

No nivel 2 permanecen Pontevedra e Vilagarcía, así como Poio pola tendencia crecente dos últimos 7 días.

Un chanzo por baixo nesta clasificación sitúanse os concellos de Marín, Sanxenxo, Caldas e Vilanova de Arousa.

DATOS LOCAIS

  • Marín: A Consellería de Sanidade comunicou este venres que no municipio permanecen activos 35 casos, tres menos que na última xornada.
  • Vilanova de Arousa: hai 19 casos activos, un máis que o xoves.  
  • Poio: 27 casos activos, dous máis que o xoves.