Cacabelos reparte funcións para o seu primeiro mandato con maioría absoluta

O Salnés
13 de xuño 2019

O alcalde José Cacabelos manterá as delegacións de Urbanismo e de Xestión Económica, ademais da área de Turismo. O pleno de investidura será este sábado ás 12.00 horas

Integrantes da candidatura do PSOE á alcaldía do Grove PSOE de O Grove

Dez concelleiros pertencentes ao grupo municipal socialista van encargarse de todas as áreas de goberno durante os vindeiros catro anos no Grove, despois de que José Cacabelos lograra a maioría absoluta nas últimas eleccións municipais.

Durante os últimos días, este grupo comezou a repartir as funcións e a analizar as cuestións máis importantes en cada unha das áreas para que o cambio de goberno resulte rápido mantendo a continuidade na xestión respecto ao anterior mandato en que gobernaba en coalición.

O número 10 do grupo, Javier Caneda, continuará como responsable da área de Sanidade e Emprego. Os seus deberes fundamais van centrarse en lograr que O Grove se convirta en espazo cardioprotexido, ademais de xestionar as bolsas municipais de emprego.

María López incorpórase no número nove como responsable das concellerías de Xuventude e Promoción Económica, co obxectivo de dinamizar comercialmente a vila e fomentar o emprendemento. Outra nova incorporación é Quito Parada, que se ocupará de Asuntos Sociais e Igualdade. A concellería de Medio Rural é para Juan Otero. A área de Educación é para Pilar Galiñanes.

Juan Outeda tamén é unha das novas caras no grupo de goberno e atenderá a concellería de Limpeza e de Mercados. Noemí Outeda será a responsable da xestión cultural ademais da Normalización Lingüística e a Terceira Idade.

Santiago Meis continuará como concelleiro de Deportes e tamén se ocupará de Seguridade, sendo a persoa responsable da Policía Local e de Emerxencias. A tenencia da Alcaldía será para Ángeles Domínguez, encargada de Obras e Infraestruturas municipais, ademais de Medio Ambiente. O alcalde José Cacabelos manterá as delegacións de Urbanismo e de Xestión Económica, ademais da área de Turismo. 

O pleno de investidura será este sábado ás 12.00 horas.