Buscan un piragüista desaparecido tras envorcar a súa embarcación no río Lérez

Pontevedra
28 de outubro 2022
Actualizado: 14:20

Foi un particular que estaba a correr pola Avenida de Domingo Fontán o que viu como caía o piragüista na zona do río entre a Ponte das Correntes e a gasolineira do Burgo. Segundo esta testemuña, nun primeiro momento o piragüista logrou agarrarse á embarcación pero acabou afundindo no río

Dispositivo de procura no Lérez por un piragüista desaparecido Mónica Patxot

Os servizos de emerxencia despregaron un dispositivo de procura no río Lérez para localizar o piragüista de 49 anos desaparecido tras envorcar a súa embarcación.

Foi un particular que estaba a correr pola Avenida de Domingo Fontán, pouco despois das doce do mediodía, o que viu como caía o piragüista na zona do río entre a Ponte das Correntes e a gasolineira do Burgo.

Segundo esta testemuña, nun primeiro momento o piragüista logrou agarrarse á embarcación pero acabou afundindo no río.

O deportista pertence ao Club Naval de Pontevedra, cuxos membros están a participar activamente no dispositivo de procura que se activou para localizalo.

Tamén chegou a afundirse parcialmente a piragua baleira, que posteriormente foi recuperada polos bombeiros que a trasladaron ao pantalán do Club Náutico.

Neste operativo de procura, ademais dos bombeiros de Pontevedra que peitean o río cunha das súas embarcacións, participan axentes da Policía Nacional, a Policía Local e a Garda Civil. O 112 tamén avisou ao servizo de Salvamento Marítimo.

Os traballos para tratar de rescatar ao deportista víronse dificultados ante as intensas choivas que están a caer sobre Pontevedra, que fan que a auga do río baixe turbia.