Buscan o autor do disparo a Lin, un gato rescatado por Cadeliños en Campelo

Poio
14 de xaneiro 2023

A Asociación de Rescate Animal Cadeliños solicita colaboración para atopar á persoa responsable da acción e tamén axuda para sufragar os gastos da intervención cirúrxica

Placa onde se observa o proxectil na pata do gato Lin Asociación de Rescate Animal Cadeliños

Lin é un gato que leva anos vivindo nunha rúa de Campelo. Unha voluntaria da Asociación de Rescate Animal Cadeliños coida o animal rueiro e aliméntao desde hai tempo e mesmo gañou a súa confianza para que durma nunha zona resgardada.

O 3 de xaneiro, o animal aparecía magullado e coxeando. Membros da asociación entenden que nunha pelexa con outro animal sufriu danos e deciden tentar collelo para trasladalo a un veterinario para curarlle porque observan que o gato ten moita dor. A tarefa resultou complicada pero finalmente este xoves 12 conségueno.

Ao exploralo, o veterinario mostroulles nas radiografías que Lin ten unha pata totalmente esnaquizada como consecuencia dun disparo.

Foi necesaria unha intervención cirúrxica para evitar que o animal perdese a pata debido á "fractural medial oblicua de húmero" provocada "como consecuencia "dun disparo por arma de fogo", cun proxectil que se atopaba aloxado no músculo tríceps braquial, segundo o informe veterinario.

Na asociación non poden imaxinarse quen puido facer algo así cando o animal móvese nunha zona de vivendas, entre veciños, nenos e outros animais. 

Tras presentar a denuncia policial piden a colaboración cidadá para localizar á persoa autora deste acto contra un gato que non causa molestia algunha aos residentes na zona, segundo indican desde Cadeliños. Entenden que o disparo se produciu entre os días 2 e 3 deste 2023.

Con respecto a este caso, desde a Policía Local aseguran que farán "todo o posible" por identificar o autor dos disparos e levalo ante a xustiza. "Por desgraza non é a primeira vez que sucede un caso similar", aseguran, polo que piden a colaboración cidadá.

Afirman que a agresión ao gato produciuse na zona do Paseo da Ostreira, en Campelo.

O colectivo de rescate tamén solicita axuda veciñal para sufragar os gastos da operación e darlle unha nova oportunidade a Lin, vítima desta acción violenta e incomprensible. 

 

Aquelas persoas que queiran apoiar o colectivo Cadeliños poden facelo a través de: 

PAYPAL: PayPal.Me/Asociacioncadelinos

INGRESO DONATIVO NA CAIXA: ES84 2100 5304 4702 0001 2506

TEAMING (1 € ao mes):
https://www.teaming.net/asociacionderescateanimalcadelinos

​BIZUM: Doar a ONG => Asociación Cadeliños / Código campaña 04206