Buscan alumnado para cubrir vacantes do Plan Integrado de Emprego de Cuntis, Caldas, Portas, Barro e Moraña

Umia
02 de xaneiro 2023

Este Plan de Emprego da comarca de Umia ten 100 prazas e, para cubrir as vacantes, buscan desempregados, menores de 30 anos e con interese en formarse para mellorar a súa capacitación profesional

Centro de Formación Ocupacional "A Ran"

Os concellos de Cuntis, Caldas de Reis, Portas, Barro e Moraña buscan alumnado para cubrir as prazas vacantes do novo Plan Integrado de Emprego que promoven. 

Este Plan de Emprego da comarca de Umia ten 100 prazas e, para cubrir as vacantes, buscan desempregados, menores de 30 anos e con interese en formarse para mellorar a súa capacitación profesional. 

A selección de persoal xestionarase a través da Oficina de Emprego, á que deberán dirixirse as persoas interesadas en participar neste programa cofinanciado pola Xunta de Galicia e o Servizo Publico de Emprego Estatal e que en edicións pasadas superaron o 50% de inserción laboral.

O programa inclúe formación específica en varias materias e módulos transversais de interese xeral como a manipulación de alimentos, a seguridade no traballo ou a igualdade, combinados con prácticas en empresas da comarca.

Todas as persoas inscritas no programa percibiran unha axuda de 7 euros por día pola súa asistencia ás diferentes actividades nas que participen.

O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, considera que este programa é unha "excelente ferramenta para mellorar a formación profesional desde un punto de vista práctico e titorizado", xa que permite aos alumnos beneficiarse das vantaxes de contar con docentes que deseñan un itinerario de procura de emprego individualizado segundo as circunstancias de cada participante.