O Concello de Bueu ten este venres 16 unha cita co Entroido e coa tradición. Dentro da programación festiva desta semana, a partir das 17.00 horas organizarán na carpa da Praza Massó unha Festa de Vascalleiros que contará coa actuación musical de sete pandereteiras do grupo infantil - xuvenil, unha serie de xogos populares e degustación de chulas e filloas.
A festa busca recuperar unha tradición no municipio, pois o Concello recorda que varias décadas atrás, o Entroido en Bueu non era nada se os vascalleiros non invadían as rúas pedindo chulas, filloas ou o que cada persoa puidese dar na súa casa.
Esta tradición foise perdendo co paso dos anos e coa chegada cada vez dos disfraces máis comerciais e agora ten recuperala a asociación veciñal A Morada, o grupo de pandeiretas 'De Cabras' e o Concello de Bueu.
Os asistentes que vaian co disfraz de vascalleiro poderán gozar dunha ruta gratuíta por varios locais bueueses que colaboran co relanzamento desta tradición onde poderán consumir chulas ou filloas. Será no Bar Pyramis, Pili Cabaleiro, Copy.es, Mercaprecio, Nene´s, Gominolas Isa e Librería Miranda.
Este venres a partir das 21.00 horas a carpa da Banda do Río tamén acollerá un Entroido Swing, con festa temática ganster e cabaret. Comezará cunha clase aberta de Lindy Hop coa asociación Swing On e, a continuación, concerto de The Alley Stompers ás 22.30 horas.
O Bueu Atlético Balonmán celebra ás 21.00 horas o XXXVII Festival de Comparsas no Centro Social do Mar, que terá ademais dúas novas edicións (o 23 de febreiro na Casa do Pobo de Beluso e o 24 de febreiro de novo en Bueu).
O sábado, 17 de febreiro, a partir das 16.00 horas hai un concurso gastronómico de Entroido na carpa da Banda do Río, organizado pola asociación veciñal. Ás 20.00 horas, nese mesmo lugar, desenvolverase un pasarrúas e actuación daa asociación de Percusionistas Aperta, que se organiza entre o Concello de Bueu e a hostalaría do barrio.
En canto aos desfiles de Entroido, o sábado 17 de febreiro, sairá o do Enterriño da Sardiña, a partir das 17.00 horas polas rúas da vila dende a Praza Massó, con entrega de premios e queima no mesmo lugar. Aínda que estaba previsto para este mércores, finalmente o Comité de Entroido tomou a decisión de adialo por mor das condicións climatolóxicas.
O desfile do Enterro do Paxaro de Mal Agoiro terá lugar o domingo 18 de febreiro, tamén ás 17.00 horas, con queima do paxaro na carpa da Banda do Río e posterior actuación das comparsas de Bueu. E pola noite, verbena de disfraces na mesma carpa ás 21.00 horas co grupo Los tres latinos.