O sistema proposto pola Xunta de Galicia para regular o acceso ás praias mediante cita previa non convence en Bueu. O Concello rexeita esta opción que cualifican de "ocorrencia".
O alcalde do municipio, Félix Juncal, considera que existe un "afán desmedido de chegar antes non se sabe ben a que lugar" sen ningún tipo de criterio máis alá de "ter notoriedade".
En Bueu, explica o rexedor, están "preocupados" por este tipo de propostas que poden supoñer un cambio de modelo ou de relación das persoas cos espazos naturais.
Todos os cidadáns teñen dereito ao "acceso libre" aos espazos naturais, apunta Juncal, "o que non significa sen condicións ao respecto".
"Comezamos parcelando as praias ou establecendo un sistema de citas previas e quen sabe se alguén poida incorrer na tentación de establecer taxas pola utilización das mesmas", engade o alcalde.
En todo caso, desde o Concello de Bueu apuntan que ningún sistema de control de acceso, de restricións no uso dos espazos públicos, garantirá o seu éxito "se non existe convencemento social, corresponsabilidade persoal e individual".
Por iso, insisten na importancia de cumprir coas recomendacións e disposicións que se establezan polas autoridades competentes en materia sanitaria.