Bueu impulsa un mercado de Nadal co comercio e a hostalería da vila

Bueu
01 de novembro 2024
Actualizado: 12:44

Desde o goberno municipal de Bueu elixiron a fin de semana anterior ao coñecido como Black Friday (venres negro) e será un mercado aberto a todos os sectores e servizos

Mercado artesanal en Bueu Concello de Bueu

Unha carpa situada no aparcadoiro de As Lagoas, en pleno casco urbano de Bueu, acollerá os días 23 e 24 de novembro un mercado de Nadal.

Está organizado polo propio Concello e nel participará o comercio e a hostalería local.

O obxectivo desta iniciativa é fomentar as compras no municipio e, ao mesmo tempo, dar a coñecer todo o tecido comercial.

Os locais interesados en participar terán que inscribirse de forma presencial no Concello, a través do enderezo electrónico silvia@concellodebueu.gal ou no teléfono 986390029 (ext. 2).

"O que queremos é converter As Lagoas nun centro comercial e que a cidadanía tome conciencia do tecido local e da súa importancia", destacou a edil Silvia Carballo.

Debido a iso, desde o Concello elixiron a fin de semana anterior ao coñecido como Black Friday (venres negro), e será un mercado aberto a todos os sectores e servizos.

Esta actividade complementarase cunha programación cultural paralela para animar á cidadanía a asistir e a realizar as súas compras de Nadal por adiantado.

Tamén haberá a posibilidade de que a hostalaría local poida montar postos ou barras de bebidas e comidas, para o que se require de inscrición previa a través do mesmo correo e teléfono.