Bueu estreará esta semana dúas novas rotondas en Lapamán e Agrelo

Bueu
10 de xuño 2021

Unha das rotondas dá acceso á praia de Lapamán na intersección coa estrada provincial EP-1304 e a outra na intersección de acceso á praia de Agrelo, no punto quilométrico 8+950. A Xunta incorporou nestas dúas rotondas as suxestións presentadas no período de información pública do proxecto

Nova rotonda en Bueu Xunta de Galicia

Esta mesma semana entrarán en servizo as dúas novas glorietas executadas pola Xunta de Galicia dentro das obras de mellora de seguridade viaria da estrada PO-551 ao seu paso por Bueu

Unha das rotondas dá acceso á praia de Lapamán na intersección coa estrada provincial EP-1304 e a outra na intersección de acceso á praia de Agrelo, no punto quilométrico 8+950.

A Xunta incorporou nestas dúas rotondas as suxestións presentadas no período de información pública do proxecto. A de Agrelo desprazouse á intersección contigua da inicialmente prevista para reducir a súa afección. En Lapamán houbo un axuste para reducir a ocupación e mellorouse a conexión peonil coa vía de baixada á praia, habilitando ademais unha nova zona de aparcamento.

O proxecto tamén inclúe a execución dunha senda que dará continuidade ata o acceso á praia de Lapamán. Ademais, refórzase a sinalización dos pasos de peóns existentes nas parroquias de Cela e Bueu, coa instalación de semáforos con pulsador en dous deles e sinalización luminosa nos restantes. 

Outras actuacións complementarias son a instalación de captafaros, a substitución dos postes das barreiras e a renovación da sinalización horizontal. 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade indicou que estas novas rotondas forman parte de obras destinadas á mellora da seguridade viaria na estrada autonómica PO-551 ao seu paso polos concellos de Bueu e de Marín, nas que se está a realizar un investimento autonómico de case 1,2 millóns de euros.