O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, trasladou este luns ao alcalde de Bueu, Félix Juncal, tres alternativas para a construción doutra senda peonil na EP-1302 entre Beluso e Cabo Udra para que o Concello consensúe coa veciñanza cal é o trazado máis axeitado.
Fíxoo nunha reunión de traballo entre o mandatario provincial o rexedor morracense na que Luis López tamén informou o alcalde do envío de xeito "inmediato" do borrador do convenio para executar o proxecto de mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-1306 entre Portela e Ermelo.
No encontro tamén estivo presente a deputada de Infraestruturas, Belén Cachafeiro, e serviu para repasar os proxectos que a Deputación ten en marcha en Bueu, así como os plans de investimento previstos para este ano ao abeiro dos plans de cooperación da Deputación, polos que o Concello recibirá este ano 1,76 millóns de euros.
Félix Juncal expresou o seu "agradecemento pola reunión e o resultado da mesma, que ven satisfacer as demandas do Concello de actuar en dúas estradas provinciais que tiñamos pendentes desde hai varios anos".
Na estrada provincial EP-1306 entre Portela a Ermelo, a Deputación fará chegar ao Concello un borrador do convenio de colaboración para executar un proxecto que consiste na mellora integral dun treito de 1,1 quilómetros desta estrada, no que se renovará o firme, se construirá unha senda peonil e unha zona de convivencia con preferencia para os peóns de 150 metros de longo, así como unha renovación de todos os servizos de cableado eléctrico e condución das augas pluviais.
A obra está valorada en 606.000 euros e será asumida nun 70 % pola Deputación, mentres que o Concello farase cargo do 30 % restante así como do custo das expropiacións necesarias para facer realidade a obra.
Por outro lado, na EP-1302 entre Beluso e Cabo Udra, a Deputación trasladará ao Concello tres itinerarios alternativos para executar a obra de mellora da seguridade viaria e mobilidade peonil entre os puntos quilométricos 0+350 e 0+750.
Un compromiso do goberno provincial para ofrecer á veciñanza unha alternativa adicional ás dúas deseñadas con anterioridade e que esta mesma semana serán explicadas ao detalle aos veciños atendendo así a solicitude de reunión presentada sobre esta cuestión. Deste xeito, o Concello poderá elixir a alternativa máis axeitada para executar unha obra coa que a Deputación manifesta o seu "máximo compromiso".
O proxecto contempla a renovación do firme ao longo dun treito de 400 metros, así como unha senda peonil, zonas de convivencia e a renovación de todos os servizos.
"É un paso importante que demostra a aposta que estamos a realizar pola mellora da seguridade viaria e peonil nas estradas da provincia, neste caso, no Concello de Bueu", afirmou o presidente Luis López.
Ademais dos asuntos relacionados coas infraestruturas, o encontro entre López e Juncal serviu para repasar os graos de execución dos proxectos financiados con cargo ao plan +Provincia do ano 2024 e analizar as solicitudes do Concello para os plans de cooperación deste ano 2025. A través do Plan +Provincia, correspóndenlle ao Concello de Bueu un total de 934.000 euros.
Mentres que polo segundo Plan de Infraestruturas Deportivas recibirá 150.000 euros para a mellora do pavillón municipal; e do novidoso Plan Extra, conta cunha achega xa aprobada de 675.000 euros para a mellora do parque urbano de Lugrís.