Bueu creará un circuíto de acceso e saída na praia de Tuia

Bueu
28 de maio 2021

Aliviar a presión que nos meses de verán se produce nas inmediacións da praia de Tuia. É o obxectivo da actuación que executará o Concello de Bueu. Trátase do acondicionamento do coñecido como Camiño da Carrala, que vai dende Sar ata Cabalo

Xuntanza do alcalde de Bueu cos veciños de Sar e Cabalo

Aliviar a presión que nos meses de verán se produce nas inmediacións da praia de Tuia. É o obxectivo da actuación que executará o Concello de Bueu. Trátase do acondicionamento do coñecido como Camiño da Carrala, que vai dende Sar ata Cabalo.

A previsión é crear un circuíto de acceso e saída da praia. Ademais, o goberno municipal reforzará a sinalización vertical e habilitará zonas de aparcadoiro para uns sesenta vehículos.

Félix Juncal, alcalde de Bueu, mantivo unha reunión coa veciñanza de Sar e de Cabalo, na que se comprometeu a adoptar estas solucións urxentes de cara á tempada estival.

Os coches entrarían pola zona da Rosa ata o núcleo de Sar e terían que saír polo Camiño da Carrala, próximo ao cal tamén se vai habilitar a bolsa de aparcadoiro.

Os residentes do lugar de Sar poderñan seguir circulando en dobre sentido, "unha fórmula que cambiaríamos no caso de detectarse algún problema ao longo do verán", explicou o alcalde. 

Pola súa banda, os sinais que se instalarán serán para prohibir o acceso a caravanas e autocaravanas así como o estacionamento a ambos lados do vial. Tamén se instalará algún paso elevado para que os coches reduzan a velocidade de paso.

Con iso, o Concello agarda poder aliviar o problema e asegurar que a veciñanza da zona poida entrar e saír das súas vivendas con plenas garantías. Con todo, analizarase o avance da situación no verán para adoptar as medidas necesarias en cada momento.