Bueu, Campo Lameiro e A Illa, concellos da área sanitaria coa incidencia acumulada máis baixa

Pontevedra
15 de febreiro 2021

Aínda que a tendencia xeneralizada é dun descenso da curva, na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés só Bueu, Campo Lameiro e A Illa de Arousa están por baixo da barreira dos 250 casos activos por cen mil habitantes a 14 días. Moraña está preto de chegar ao mesmo nivel

Xente paseando pola rúa con máscara Cristina Saiz

Aínda que a tendencia xeneralizada é dun descenso da curva, na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés só Bueu, Campo Lameiro e A Illa de Arousa están por baixo da barreira dos 250 pacientes por cen mil persoas a 14 días. Moraña está preto de chegar a ese mesmo nivel

Segundo os datos diarios que ofrece o Servizo Galego de Saúde, Bueu ten 34 contaxiados (dous máis), mentres que Campo Lameiro ten só catro. Moraña, pola súa banda, reduce en dous o seu número de casos activos, ata un total de 15.

Soutomaior segue sendo o único municipio cunha incidencia acumulada por encima dos 1.000 casos por cada 100.000 habitantes. Iso si, está xa moi preto de abandonar este 'nivel negro'. Este luns conta con 90 casos activos (once menos).

Séguenlle, por esta orde, Forcarei; Poio, que afianza o seu descenso con 181 contaxiados (15 menos); e Meis, que ten 38 (dous menos).

Entre os concellos que aínda seguen cunha incidencia superior a 500 están A Lama, Meaño, Ponte Caldelas, Vilaboa, Sanxenxo, Catoira e Cerdedo-Cotobade.

Neles soben os activos na Lama (16, tres máis), Meaño (35, un máis); mentres que se seguen moderando en Sanxenxo (109, cinco menos) e Cerdedo-Cotobade (32, tres menos). En Ponte Caldelas, non hai cambios con 43 habitantes que son positivo por covid-19.

 

O municipio de Pontevedra rexistra pola súa banda un descenso de 29 persoas no número de casos activos nas últimas 24 horas, o que sitúa o total en 368. A incidencia acumulada a 14 días está en 415 casos por cada 100.000 habitantes.

Pola contra, Marín vive, un día máis, un pequeno incremento. Este luns xa son 138 casos activos despois de detectarse dous máis na última xornada. Tamén crecen en Cambados, con 68 contaxiados (cinco máis); en Vilanova de Arousa, con 36 (un máis); ou en Cuntis, con 28 (dous máis);

Descenden, por último, en Vilagarcía de Arousa, con 144 (nove menos); ou en Ribadumia, con 16 (catro menos). Seguen a ser 21 os contaxiados en Barro e nove os que deron positivo en Portas.

A incidencia acumulada a 14 días de cada municipio, a partir dos datos proporcionados polo Servizo Galego de Saúde, pódese consultar no mapa que acompaña a esta información.