Bueu aposta por unha programación de Nadal "ampla e variada" e centrada nas familias

Bueu
05 de decembro 2024

Tras o acendido este xoves das luces de Nadal, un acto simbólico con chocolate para os asistentes, haberá espectáculos de maxia, contacontos, cinema, actuacións musicais, obradoiros ou deporte

Presentación da programación de Nadal en Bueu Concello de Bueu

Os eventos para que as festas sexan compartidas entre a cativada e as persoas maiores serán os protagonistas na programación "ampla e variada" que, segundo a concelleira de cultura, Carmen García, preparou o Concello de Bueu para estas festas de Nadal.

Será un programa cheo de propostas culturais e deportivas das que toda a veciñanza poderá gozar entre o 7 de decembro e o 7 de xaneiro e nas que colaboran, como é habitual, todos os colectivos culturais e sociais do municipio.

O cartel deste ano está deseñado por Iago Comedeiro, veciño de Bueu, e nel incídese na temática mariñeira.

Tras o acendido este xoves das luces de Nadal, un acto simbólico con chocolate para as persoas asistentes, haberá espectáculos de maxia, contacontos, cinema, actuacións musicais, obradoiros, deporte e moito máis.

Todas as actividades concentraranse maiormente na carpa de As Lagoas, pero tamén haberá diversas propostas no Centro Social do Mar e outros espazos das parroquias.

O público máis cativo será un dos grandes protagonistas da programación para estas datas.

Así, a Biblioteca Municipal Torrente Ballester acollerá este sábado 7 de decembro, ás 13 horas, a presentación do xogo Tes terras?, creado polos veciños bueueses Pedro Meira e Paula Pastoriza.

Na mesma biblioteca, o próximo 12 de decembro ás 17 horas, desenvolverase Arrolar, unha actividade da Fundación Legar que xirará arredor dos arrolos, nanas ou cantigas de berce, e que busca reforzar o vínculo afectivo entre as crianzas máis pequechas e as persoas adultas.

O sábado 14, a Libraría Abrente programará no Estaleiro de Purro co Universo de contos coa temática de Nadal, do que se poderá gozar ás 12 horas. Os contos continuarán o xoves 19 na Biblioteca Municipal de Beluso con As aventuras de Didi.

O 23 terá lugar no Centro Social do Mar ás 19.00 horas o espectáculo Pipí Cucú da compañía Assircópatas, unha proposta na que se fala da revolución dos soños e dos pesadelos. E o 27, ás 18.00 horas, virá á Casa da Aldea de Meiro o espectáculo O Apalpador e os monifates.

Haberá espectáculos de maxia co Mago Paco, o 30 de decembro ás 19 horas na carpa de As Lagoas, e o 2 de xaneiro, con Henriko - O feiticeiro no mesmo espazo e á mesma hora.

O programa inclúe unha sesión de cinema familiar, da que se poderá gozar o 26 de decembro a partir das 18 horas no Centro Social do Mar, cos filmes Polar Express e Medianoche en el jardín del bien y del mal.

Pola mañás do 21, 23 e 24 de decembro, o artista local Tino Resille impartirá entre as 11 e as 13 horas uns obradoiros de Nadal na carpa, no que os nenos e nenas de 7 a 12 anos farán diversas actividades artísticas e de decoración para estas datas.

Peter Punk voltará a Bueu o 31 de decembro para despedir coa cativada o ano, a través das "Badaladas miúdas” que gozaron de moito éxito nos anos previos. A actividade será ás 11.30 horas na carpa.

Xa a comezos de ano, o 3 de xaneiro será a tradicional xincana infantil organizada polos comerciantes de Bueu na carpa a partir das 17 horas. E o 4 de xaneiro, a Biblioteca Municipal de Cela acollerá ás 11 horas un obradoiro de Nadal co artista bueués Marc Taeger.

MÚSICA E FESTIVAIS DE NADAL

O Centro Social do Mar de Bueu, pola súa banda, acollerá este domingo 8 de decembro, ás 20.30 horas, Unha noite na eira do trigo de La Oca Band, un musical baseado no poema de Curros Enríquez e coñecido popularmente grazas á cantiga do grupo Los Tamara.

En Bueu, as rúas estarán amenizadas con música tradicional o 28 de decembro, con Cantos de taberna de Peis D’ Hos, e o 29, coa Rondalla de Zamáns. Así mesmo, dende Retrouso de Cela seguen coa recuperación do Bando de Nadal o 24 e o 25 polas rúas da parroquia de Cela.

E en canto aos festivais, o 14 de decembro ás 19.30 horas será o de Xa chega o Nadal da Coral Polifónica de Bueu, e o Festival Encanto da Coral Polifónica de Beluso na Igrexa Parroquial de Beluso. O 21, a Igrexa Parroquial de Cela acolle un concerto do Coro de Cela ás 19.30 horas, e a Banda de Música Artística de Bueu ofrece outro ás 20 horas no Centro Social do Mar.

O 28 será ás 20 horas o Festival Solidario da Asociación Española Contra o Cancro e tamén a festa de Amodiño no Pavillón de Bueu, e o 4 de xaneiro, á mesma hora, poderase gozar dun concerto de gospel, ambos no Centro Social do Mar.

O 14 haberá unha festa-baile en lembranza da mítica Sala Paraíso, que se celebrará na carpa de As Lagoas; e na madrugada do 31 de decembro, a orquestra Distrito 7 estará na carpa de As Lagoas para despedir o ano e darlle a benvida ao 2025.

E xa en Reis, a Asociación Cultural Santos Reis organiza a tradicional Romaría de Reis, na que actuarán o grupo Os Liboreiros e se degustará roscón con chocolate.

VISITAS DO APALPADOR, PAPÁ NOEL E OS REIS MAGOS

Como cada ano, os máis pequenos e pequenas recibirán as habituais visitas de Papá Noel, o Apalpador e os Reis Magos.

Papá Noel estará na carpa de Nadal situada no aparcadoiro de As Lagoas o 24 de decembro entre as 16.00 e as 19.00 horas, mentres que o Apalpador virá o 26 ás 11 horas.

Pola súa banda, o 5 de xaneiro está programado un recibimento cos Reis Magos que chegarán ás 11.00 horas ao peirao nas embarcacións tradicionais, como xa vén sendo habitual nos últimos anos, e recibirán logo aos nenos e nenas na carpa. Pola tarde, en torno ás 17.00 horas, sairá a cabalgata nun percorrido polas rúas do casco urbano.

O DEPORTE, TAMÉN PROTAGONISTA

Durante o Nadal organizaranse tamén dous torneos de xadrez co Club de Xadrez de Bueu: un deles destinado aos pequenos e pequenas o 21 de decembro ás 17 horas na Piscina Municipal de Bueu, e o outro, para adultos, será o 28 no mesmo espazo e á mesma hora.

O 29 de decembro, o Club de Atletismo Galaicas organiza a Carreira San Silvestre, que constará de andaina de 1,5 quilómetros e carreira de 2,5 quilómetros polas rúas da vila. As probas sairán ás 17.30 horas na contorna da carpa, e previamente haberá xincana infantil e máis actividades.

O Concello organiza tamén dous torneos de fútbol sala en formato 3x3. Serán o 3 de xaneiro ás 16.30 na multipista de As Lagoas para os nenos e nenas; mentres que ao día seguinte, ás 11 horas, desenvolverase o das persoas adultas.

E como cada ano, o 6 de xaneiro, Día de Reis, o Pavillón Municipal de Beluso acolle a partir das 16 horas un campionato aberto de billarda.

OUTRAS ACTIVIDADES

Este sábado, o Club Moteiros do Morrazo organiza a partir das 17 horas unha chocolatada moteira con diversas actividades na carpa e os colectivos de alfombristas da vila elaborarán tapices florais no Centro Social do Mar (martes 17) e na Sala Amalia Domínguez Búa (venres 20).

Así mesmo tamén haberá actos literarios da Libraría Miranda, como a presentación do libro Punto e coma do marinenseAarón Franco o 13 de decembro na biblioteca, e as sinaturas de exemplares de O Bichero de Luís Davila o 14, a partir das 11 horas na propia libraría.

O Cineclub pechará a programación de Nadal coa película Perfect Days o 13 de decembro ás 21 horas no Centro Social do Mar e o 21 de decembro, o Pavillón de Beluso acollerá un mercado de Nadal organizado por Asbel, Novos Ventos e Asociación Cultural de Sanamedio.