Bueu apela ao consumo "moderado e responsable" de auga no verán

Bueu
09 de xullo 2020

Fronte a un consumo diario duns 2.600 metros cúbicos de auga, na época alta do verán pode chegar ata os 3.400 metros cúbicos. Iso si, as autoridades municipais afirman que as infraestruturas de abastecemento de auga se atopan en perfectas condicións para garantir o servizo

Visita das autoridades municipais ao depósito de auga de Ermelo Concello de Bueu

Coa chegada do verán é previsible que o consumo medio de auga de Bueu se dispare. De aí que, ante esta posible incidencia, o goberno municipal apele á conciencia cidadá para consumila de xeito "moderado e responsable".

Así, o alcalde Félix Juncal explicou que fronte a un consumo diario duns 2.600 metros cúbicos de auga, na época alta do verán pode chegar ata os 3.400 metros cúbicos.

Iso si, as autoridades municipais afirman que as infraestruturas de abastecemento de auga se atopan en perfectas condicións para garantir o servizo.

O depósito coñecido como de Campos do Ministro, situado en Ermelo, achega 900 metros cúbicos diarios de auga á vila; o de Pereiros, en Meiro, outros 700; e o de Cela, arredor de 100 metros cúbicos.

Estas cantidades complétanse coa auga proveniente do río Lérez á que Bueu recorre en caso de escaseza na subministración.