A praza Massó de Bueu acollía este xoves unha mesa informativa do programa ‘Agresión Off 2020’ promovido pola Consellería de Emprego e Igualdade e que forma parte das accións en torno a conmemoración o 25 de novembro do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.
Na caseta ofreceuse á cidadanía participar en diferentes obradoiros de sensibilización e actividades lúdicas, sempre cumprindo con toda a normativa de prevención contra a covid-19.
Ata este punto de información achegáronse o alcalde, Félix Juncal, e algunhas concelleiras da corporación, como Ana Isabel Otero, edil de igualdade; Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo; e Elena Estévez, voceira do PP.
Os obradoiros dividíronse en áreas de traballo con contidos concretos, co obxectivo de sensibilizar á poboación contra a violencia sexual. Entre os talleres que se levaron a cabo para a poboación máis adulta están os seguintes: "Canto de estereotipada está a túa mente?", "A ruleta do amor romántico", "Non me contes contos", "Onde está o límite?", "Eu non necesito #filtros", "Estás seguro@ de premer o botón de enviar?", "Kahood da igualdade. Xogo tecnolóxico on line" e "A información está ao alcance da túa man".
Para o público infantil houbo outra serie de propostas adaptadas, como "O tótem do sexismo", "Verdade ou mito", "Ampliemos o decálogo contra a violencia sexual" e "Adiviña a adiviñanza... quen está detrás de cada frase?".
Ademais destas actividades, no posto procedeuse a distribuír folletos co 'Decálogo contra a violencia sexual: 10 cousas que tes que saber' en galego, castelán e inglés, así coma obxectos promocionais cos logotipos de programa.