'BuenaMente' enche o campus de actividades que poñen o foco na saúde mental

Pontevedra
13 de maio 2022

Divididos en diferentes comisións de traballo, preto de 70 estudantes do Grao en Publicidade e Relacións Públicas promoveron este xoves un conxunto de actividades que tiñan como propósito concienciar ao alumnado da importancia da saúde mental

Actividades de "BuenaMente" no campus de Pontevedra Universidade de Vigo

Divididos en diferentes comisións de traballo, preto de 70 estudantes do Grao en Publicidade e Relacións Públicas promoveron este xoves na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación un conxunto de actividades que tiñan como propósito concienciar ao alumnado da importancia da saúde mental. 

O evento 'BuenaMente' naceu como traballo final para a materia Técnicas de Relacións Públicas, que imparten os profesores Iván Puentes e Vera Cruz Montoto, e tiña como obxectivo ofrecer "ferramentas de resiliencia" ao alumnado universitario, así como "loitar contra os estigmas e a desinformación" respecto das actividades mentais, segundo explicaron desde a organización.

Con actividades que tiveron lugar tanto no interior como no exterior da facultade, o evento abrangueu un taller de técnicas de relaxación, desenvolvido coa colaboración da Facultade de Fisioterapia e impartido pola profesora Alejandra Alonso, xunto con clases de ioga impartidas por Michael Beloso, de Clínica Espaciom. 

Por outra banda, grazas á colaboración da Asociación de Jugger de Valadares levouse a cabo un torneo amigable deste deporte de contacto de orixe alemá, no que se convidaba aos asistentes a "descargar malas enerxías e empregar a forza do estrés e das frustracións mediante golpes seguros con obxectos brandos". 

Tamén no exterior do centro tivo lugar a exhibición de freestyle ImproMente, unha competición na que participaron Simm, Adriano, Gapcloser, Berros, Ykiam e Dury, que tiñan que realizar improvisacións a partir de palabras relacionadas coa saúde mental. 

Por último, o evento completouse con diferentes proxeccións de "But milk is important", unha curtametraxe dos noruegueses Eirik Grønmo Bjørnsen e Anna Mantzaris centrada na ansiedade social e cunha "actividade de identificación do nivel de estrés" na que os participantes ían inflando globos segundo o seu grao de identificación con diferentes afirmacións relacionadas co seu estado de ánimo.