Braga tamén se interesa polo modelo urbano de Pontevedra

Pontevedra
24 de marzo 2017

Apenas 24 horas despois, no mesmo lugar e con diferentes visitantes. Así foi a visita que liderou o alcalde de Pontevedra para mostrar o modelo urbano da cidade. Desta volta, os que querían comprobar as solucións que se adoptaron na Boa Vila foron os integrantes dunha delegación técnica da Cámara Municipal de Braga

Visita a Pontevedra dunha delegación portuguesa de Braga Mónica Patxot

Apenas 24 horas despois, no mesmo lugar e con diferentes visitantes. Así foi a visita que liderou o alcalde de Pontevedra para mostrar o modelo urbano da cidade. Desta volta, os que querían comprobar as solucións que se adoptaron na Boa Vila foron os integrantes dunha delegación técnica da Cámara Municipal de Braga.

Co seu concelleiro de Urbanismo á fronte, os portugueses acudiron a Pontevedra para profundar no seu modelo, ao consideralo un "exemplo a seguir" na coexistencia no espazo público de peóns e tráficos rodados, segundo explicou o edil Miguel Bandeira.

Con el estivo un equipo da consultora CINESI, que representa ao departamento municipal de Mobilidade da cidade lusa na rede CityMobilNet do proxecto europeo URBACT.

Bandeira explicou que Braga ten unha das zonas peonís máis amplas de Portugal pero tamén rexistra unha das taxas de crecemento de automóbiles máis elevadas o que complica o camiño cara a construción da cidade "amable, respectuosa e sostible" que queren ser.

Ademais, engadiu o responsable de Urbanismo, "temos problemas engadidos como o feito de que estradas nacionais cruzan a cidade e aínda que temos autoestradas e infraestruturas viarias para retirar os grandes fluxos de trafico de paso, a xente segue a atravesar o centro da cidade".

Así, buscan ideas para resolver os tráficos de paso e axitación, a aplicación de medidas de calmado de trafico ou inverter as prioridades no eido da mobilidade a prol das persoas.

Ademais da visita guiada pola cidade, a delegación de Braga mantivo unha sesión de traballo con técnicos municipais.