Bolsa dos Desexos, a iniciativa para promover a doazón de sangue, órganos e tecidos

Pontevedra
05 de xaneiro 2022

A Asociación de Amigos da Pontevedrada (Asampo) anuncia que o sábado 15 de xaneiro instalará na praza da Peregrina entre as 15:00 e as 22:00 horas unha mesa informativa co obxectivo de promover a importancia da doazón de sangue, órganos e tecidos entre a cidadanía pontevedresa

"Desexos ao ceo" da Asociación de Amigos da Pontevedrada / arquivo PontevedraViva

A Asociación de Amigos da Pontevedrada (Asampo) anuncia que o sábado 15 de xaneiro instalará na praza da Peregrina entre as 15:00 e as 22:00 horas unha mesa informativa co obxectivo de promover a importancia da doazón de sangue, órganos e tecidos entre a cidadanía pontevedresa.

Todos os que se acheguen ata a carpa poderán ademais depositar os seus soños e ilusións na denominada Bolsa dos Desexos, que será levada por relevos desde Tui ata Santiago para seren depositados na Capela da Corticela da Catedral compostelá e pasar así a formar parte do fume do botafumeiro.

Esta iniciativa, desenvolvida en colaboración coa Concellería de Actividade Física e Saúde do Concello de Pontevedra, porase en marcha ese mesmo sábado 15, día no que a comitiva de Asampo partirá de Tui ás 8:00 horas. Nesa xornada o colectivo emprazará mesas informativas en diferentes concellos ao longo do percorrido.

O tenente de alcalde, Tino Fernández, anima a todos os pontevedreses a participar desta Bolsa dos Desexos de Asampo, "unha asociación sen ánimo de lucro que fai un labor inxente na promoción da doazón de sangue, órganos e tecidos e que, con este tipo de iniciativas, permite visibilizar unha cuestión fundamental no eido socio sanitario".