"Acordamos traballar polo que nos une: Poio", así reza o acordo de gobernabilidade para o Concello de Poio que rubricaron o BNG, PSOE e Avante.
Nunha rolda de prensa celebrada en Casa Pepe, deuse a coñecer os termos deste pacto que permitirá que este sábado o nacionalista Luciano Sobral volva ser investido alcalde por outros catro anos máis.
Xunto a el a socialista, Chelo Besada e a edil de Avante, Silvia Díaz, serán a primeira e segunda tenente de alcalde, respectivamente.
As pasadas eleccións municipais do 26 de maio definiron unha corporación na que as formacións políticas de esquerda, representadas polo Bloque, o Partido Socialista e Avante Poio, alcanzaron un total de nove representantes (5+3+1) fronte aos oito do PP, o que outorga unha maioría progresista.
Neste sentido, as tres formacións políticas que conformarán o tripartito de Poio, sinalaron o "mandato claro da cidadanía" para que as forzas de esquerdas configuren "un goberno de progreso amparado na lexitimidade do resultado electoral e da lei".
Así, despois de negociar os termos do acordo os tres grupos coincidiron nun obxectivo común que é "mudar ou enfoque do equipo de goberno e establecer un novo funcionamento do Concello que aspire a fomentar a participación da cidadanía na vida pública, a asumir o compromiso coa transparencia e a levar a cabo unha xestión racional e eficiente dos nosos recursos colectivos".
Unha mesa de seguimento do pacto de goberno avaliará semestralmente o cumprimento dos compromisos do acordo.
O BNG contará con 2 dedicacións, o PSOE cunha e media e outra máis será para Avante
REPARTICIÓN DE ÁREAS
A concelleira de Avante Poio, Silvia Díaz, xestionará as áreas de Participación veciñal, transparencia, espazos cidadáns, turismo e igualdade.
No Partido Socialista, Chelo Besada continúa á fronte de Obras e Servizos, Pesca e Marisqueo. Gregorio Agís, segue como responsable de Urbanismo e Promoción Económica e Rosa Fernández con Benestar Social e Mocidade.
O BNG aínda non distribuíu competencias entre os seus edís, pero as áreas que levará son: Cultura, Festexos, Educación, Deportes, Medio Ambiente, Sanidade, Facenda E Réxime Interior, Novas Tecnoloxías, Persoal, Patrimonio, Seguridade Cidadá, Memoria Histórica, Dinamización Linguística e Saúde.
O BNG contará con 2 dedicacións, o PSOE cunha e media e outra máis será para Avante.
INICIATIVAS PRIORITARIAS
Os tres grupos que forman o equipo de goberno, contrastando os diferentes programas, establecen unha serie de actuacións prioritarias para o próximo mandato en base a criterios de oportunidade, serán os seus obxectivos programáticos para o seguinte mandato.
Estas actuacións abarcan diferentes ámbitos como o novo pavillón de deportes e a planificación da rede viaria a través de iniciativas como a mellora de accesos a Campelo, a senda de Lourido-Pontevedra, a humanización de núcleos tradicionais.
Outras iniciativas que dependen da Xunta de Galicia como a urbanización da Barca, Andurique e Porteliña, a mellora da PO-308, o vial do Vao.
Tamén inclúen o compromiso de impulsar "de maneira decida" o PXOM, desenvolver a modificación puntual en Raxó para garantir o estacionamento e os espazos públicos. A construción da EDAR, o saneamento e abastecemento de Vilariño- Fragamoreira. Esixir á Xunta de Galicia a construción do polígono industrial, o centro de saúde e os proxectos bloqueados desde 2009 para os Portos de Covelo e Raxó.
E finalmente, redacción da ordenanza de espazos públicos e veladores e a ordenanza de uso de locais municipais, o acondicionarnento do Pazo Besada. Impulsar para o uso público a illa de Tambo, dotar de persoal e contido ao Centro Cultural Xaime Illa de Raxó, crear dúas áreas de xogos infantís de referencia, a ampliación do cemiterio municipal, a aula municipal de música e teatro e os aparcamentos en Combarro, Raxó e Porteliña.
CRITICAS DO PP
O candidato popular, Ángel Moldes, acusa a este tripartito a traizoar a veciñanza de Poio. Os populares teñen claro que este pacto de goberno "naceu de xeito opaco, escuro, nada transparente, sen rexeneración e con todos os vicios da antiga política".
Dende o grupo municipal do PP de Poio teñen claro que van facer un "traballo incansable", que teñen oito concelleiros e con eles intentará facer posible ao seu programa electoral: "asegurar os servizos básicos a todos os veciños e veciñas, a creación da tan necesaria EDAR, a baixada do IBI, o aumento da transparencia, etc. " e serán "canle directa" das demandas dos veciños nos plenos e nas comisións do Concello de Poio.
"Os veciños e veciñas de Poio non votaron este pacto de perdedores", conclúe Moldes.