O BNG de Poio puxo en marcha unha campaña informativa por todas as parroquias para explicar como afectará á veciñanza o 'taxazo da auga' que, según asegura, quere impoñer o goberno local do alcalde Ángel Moldes.
A voceira do Bloque, Marga Caldas, anima á veciñanza a acudir aos encontros cos seus propios recibos para facer os cálculos e comprobar que os importes a pagar nos próximos anos chegarán a duplicarse.
A primeira reunión será o xoves 20 ás 20.30 horas na Casa Museo de Colón en Portosanto.
A portavoz explica que o Bloque decidiu poñer en marcha a campaña informativa porque a subida do recibo supón un incremento "brutal" con respecto ao que a cidadanía paga na actualidade.
"O goberno de Moldes nega a maior, agocha os datos obxectivos e engana á cidadanía ao presumir de cara á galería que baixa impostos", manifestou Marga Caldas.
O BNG sostén que "os informes técnicos demostran que o PP ten preparado duplicar o prezo do servizo para poñer en marcha o novo contrato de abastecemento da auga".
Segundo asegura a formación nacionalista, "será un atraco que chegará a roldar os 100 euros por familia e recibo". Explican que o pago incrementarase un 100% porque o consumo da auga pasará a cobrarse en dous conceptos: o de abastecemento e o de saneamento.
Nestes momentos, abonda Caldas, o recibo inclúe dúas cotas fixas (abastecemento e saneamento) e o cargo por metro cadrado só polo subministro. Coa entrada en vigor do novo contrato, pasará a subir as dúas cotas fixas e os metros consumidos en máis dun 30%, pero cobrará tamén por metro cúbico polo concepto de saneamento.
Desta maneira, ao duplicarse os conceptos, unha familia que actualmente pague 248 euros anuais pasará a pagar no 2026 e no 2027 uns 396 euros, e chegará a abonar máis de 531 euros en 2028.
O BNG di que prezo da auga, a maiores das cotas fixas, chegará a un euro por cada metro cúbico.
Os nacionalistas queren explicar esta subida á veciñanza "de maneira clara e directa para que se coñeza a realidade sen terxiversar". Por iso chaman ás reunións informativas que se celebrarán dende a semana próxima en todas as parroquias.