O BNG de Cerdedo-Cotobade impulsa unha nova iniciativa para esixir que o Concello de Cerdedo-Cotobade cumpra a Lei de Memoria Democrática.
O líder nacionalista local, Ernesto Filgueira, explica que levarán ao pleno unha iniciativa centrada, sobre todo, en pedir que o Concello "honre como se merece" a memoria das persoas demócratas asasinadas polas forzas franquistas en Cerdedo-Cotobade.
Así, cita ao historiador local Manuel Reboredo e a Xosé Álvarez, un dos maiores especialistas na represión na comarca, para solicitar a necesidade de restaurar a memoria dos asasinados na Volta do Couto, en Calvelo, o 8 de novembro de 1936.
Trátase de José López Bernárdez, Luis Frade Pazos, Ramiro Granja González, Luis Varela Sobrado, José Montoto Rodríguez, Eliseo Garra Lalín, Alfonso Alonso Portugue (sic), Telmo Rodríguez Alonso, Juan Alonso Pérez, José Gómez Sampayo e Antonio Picallo Buela.
Para eles pide o recoñecemento da Corporación e a colocación dunha placa conmemorativa que honre a súa memoria no lugar onde foron asasinados.
Filgueira tamén lembra que non é aprimeira vez que o BNG leva este tema a pleno. En xaneiro de 2020, instaba ao goberno municipal a cumprir coa Lei e eliminar toda a simboloxía de exaltación da ditadura no noso termo municipal, en especial nos espazos públicos. O PP votou en contra da iniciativa escudándose nunha "falta de recursos" para levar a cabo esa actuación.
En novembro de 2021, o BNG volveu enviar ao pleno unha moción en termos semellantes que foi aprobada coa abstención do PP.
Nesta moción instábase á creación dunha comisión de seguimento para a eliminación de toda a simboloxía franquista, pero o BNG lamenta que "máis de tres anos despois, non se fixo nada".
“Lamentamos que por pasiva o señor Cubela siga as directrices da rúa Génova e manteña unha actitude de desprezo as vítimas do fascismo, e de conivencia cos verdugos", sinala Ernesto Filgueira.