BNG e PSOE, sen présa en Poio: "Esta semana comezaremos a falar", asegura Luciano Sobral

Poio
01 de xuño 2015

Luciano Sobral confía en que vaia haber "certa continuidade no equipo", xa que entende que as eleccións municipais do pasado 24 de maio demostraron que os veciños de Poio queren que o bipartito entre socialistas e nacionalistas "debe seguir funcionando" despois da frutífera experiencia nos últimos oito anos

Luciano Sobral Mónica Patxot

BNG e PSdeG-PSOE non teñen présa para sentarse a negociar un novo pacto de goberno en Poio. "Esta semana comezaremos a falar", explicou este luns o alcalde en funcións, Luciano Sobral. A data non está fixada aínda, un detalle ao que o líder do BNG resta importancia porque "nos vemos todos os días", xa que os concelleiros de ambos os dous partidos seguen traballando no Concello. Sexa como sexa, dixo, "non haberá problema pola nosa parte".

Luciano Sobral confía en que vaia haber "certa continuidade no equipo", xa que entende que as eleccións municipais do pasado 24 de maio demostraron que os veciños de Poio queren que o bipartito entre socialistas e nacionalistas "debe seguir funcionando" despois da frutífera experiencia nos últimos oito anos.

"As cousas funcionan e o resultado é coñecido", afirmou Sobral, quen reiterou que o BNG aposta por "ser consecuentes" coa vontade dos veciños e formar un novo equipo "para seguir mellorando o concello".

En todo caso, Luciano Sobral insistiu en que o BNG afronta esta negociación "con tranquilidade" porque, segundo sinalou en rolda de prensa, "somos maiores e peinamos moitas canas como para discutir sobre cuestións menores"..

Sobral destacou que durante os próximos catro anos a situación política do municipio será similar á de 2007 -sete edís para BNG e PP e tres para o PSdeG-PSOE-, aínda que coa diferenza que, nesta ocasión, son os nacionalistas a forza máis votada en Poio. Tampouco lograron representación outras opcións políticas, polo que seguirán sendo tres, ao igual que nos últimos 20 anos, os grupos da corporación.

O próximo 13 de xuño formarase a nova corporación e para esa data, dixo, "vai a estar todo pechado".

Arquivado en