BNG e PSOE reclamarán á Xunta manter o uso sociosanitario do Hospital Provincial

Pontevedra
23 de febreiro 2023

Ámbalas agrupacións presentaron unha moción conxunta que será debatida na sesión plenaria do martes 28. É a resposta do grupo de goberno de Pontevedra á proposta manifestada polo Partido Popular de darlle uso universitario ao edificio situado no centro da cidade

Hospital Provincial Cristina Saiz

Os dous socios de goberno, BNG e PSdeG-PSOE, presentaron unha moción conxunta sobre o cumprimento dos compromisos asociados ao convenio entre o Concello de Pontevedra, a Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde para a execución das obras de ampliación do Hospital Montecelo. Neses compromisos recollíase o mantemento do uso socio-sanitario do Hospital Provincial.

Este tema debaterase no pleno do 28 de febreiro e é unha resposta á proposta electoral realizada por Rafa Domínguez, candidato do PP, de dar un uso universitario ao edificio do Hospital Provincial, unha iniciativa que foi ben acollida tanto pola Xunta como por parte da Universidade de Vigo. Esta proposta supoñería unha modificación da catalogación do edificio.

Os grupos do goberno pontevedrés indican na moción que sobre os usos aos que se debe destinar o Hospital Provincial "hai un amplo consenso social, demandándose, en numerosas ocasións, que manteñan un uso socio-sanitario público. Hai tamén, ou había, un amplo consenso institucional, xa que tanto a Xunta como o Concello de Pontevedra manifestaron a conveniencia e necesidade de manter o uso socio-sanitario para o Hospital Provincial".

E fan referencia a que no momento de asinar o convenio, no ano 2016, para ampliar Montecelo, o presidente da Xunta de Galicia deixou claro que "o Hospital Provincial terá que ter un novo uso sociosanitario".

Ante esta situación, BNG e PSOE reclamarán no pleno a que se manteña ese uso trasladándollo tanto a Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia, como á Consellería de Sanidade e ao Sergas.

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, entende que esa utilización é a "razoable ao ser un centro hospitalario e hai un déficit importante de camas de crónicos cando imos ter un gran hospital de agudos", sinalaba este xoves o rexedor facendo referencia á construción do Gran Montecelo.