A recente destrución dun petróglifo no parque arqueolóxico de arte rupestre de Campo Lameiro levou ao BNG e Alternativa Galega de Esquerda (AGE) a sementar todo tipo de dúbidas sobre a xestión privada das instalacións, das que é concesionaria a empresa Espiral Xestión Cultura dende 2012.
A deputada nacionalista Ana Pontón presentou unha iniciativa parlamentaria e os deputados de AGE Xabier Ron e Ramón Vázquez fixeron as súas preguntas a través dunha proposición non de lei para o seu debate en comisión, ambas as dúas iniciativas centrándose na destrución do petróglifo supostamente por labores de roza con cadeas metálicas.
Pontón pide responsabilidades polo acontecido e aplicar con rigor a lei en materia de protección e conservación do patrimonio. Ademais, cualifica de "erro grave" que a Xunta de Galicia adxudicara "a dedo" a xestión do parque a unha empresa de familiares vinculados ao Partido Popular.
A deputada do BNG esixe á Xunta unha "actuación contundente" e pregunta en que momento tivo coñecemento dos danos e que valoración lle merecen a tenor das ultimas declaracións de responsábeis da consellería de Cultura que negan a súa gravidade alegando que as labores de limpeza non afectaron gravemente o deseño de espiral prehistórica gravada na rocha.
AGE esixe, pola súa banda, someter o parque arqueolóxico de campo a unha auditoría como primeiro chanzo de cara á xestión "plenamente pública" do mesmo co obxectivo de evitar situacións de degradación e deterioro porque Espiral "estraga petróglifos e asiste inmóbil ao deterioro de instalacións pagadas por toda a cidadanía".
Ron e Vázquez tamén lembran que un dos fundadores de Espiral Xestión Cultura é un destacado membro do Partido Popular e aseguran que sobredimensiona a asistencia de xente e maquilla os datos económicos, carece de libro de reclamacións e de rexistro de incidencias e "nin sequera está dotada do persoal axeitado nin das condicións laborais axeitadas".
Na súa proposición non de lei AGE tamén reclama unha sanción pola destrución do petróglifo e o incumprimento das condicións de servizo, que a empresa se faga cargo dos gastos de restauración e a xestión pública do parque de Campo Lameiro. En caso contrario, esixen que Espiral Xestión Cultural non volva encargarse dos servizos no lugar.