‘Bisqué’ de Nadal con torta de berberechos Pescamar

Pontevedra
24 de decembro 2022

Nesta unha nova entrega de "A cociña gourmet en conserva" imos preparar unha ‘bisqué’, a sopa cremosa orixinaria de Francia que non debe faltar no menú de Nadal, combinada cun dos produtos estrela da cociña atlántica: o berberecho  

‘Bisqué’ de Nadal con torta de mariscos Rajasekhar R en Unsplash

Chega unha nova entrega da serie "A cociña gourmet en conserva" cunha orixinal proposta idónea para o tempo de Nadal: a sopa ‘bisqué’. Unha deliciosa receita para a que Conservas Pescamar achéganos un dos produtos estrela da cociña atlántica: o berberecho.

A ‘bisqué’ é unha sopa cremosa orixinaria de Francia, elaborada con carcasas e cabezas de mariscos, e á que se lle adoita engadir viño branco e nata. É un dos pratos que non debe faltar como entrante no menú de Nadal. 

Os berberechos son moluscos altamente nutritivos, grazas á súa achega en ferro. O seu baixo contido en graxas e gran porcentaxe de proteínas, convértenos nunha perfecta alternativa ás carnes.

Para preparar unha saborosa 'Bisqué' de Nadal con torta de berberechos Pescamar, necesitamos os seguintes ingredientes:

- Ingredientes para a crema:

  • Líquido da lata de berberechos ao natural Pescamar
  • 200 g de gambas
  • 1 cebola
  • 1 feixe de allos tenros
  • 1 feixe de porros
  • 2 patacas
  • 150 ml de nata líquida para cociñar
  • 1 cullerada de pemento doce
  • Sal
  • Aceite de oliva
  • 1 chorro de coñac
  • 1 vaso de viño branco

 

- Ingredientes para as tortas de berberechos:

  • 1 lata de berberechos ao natural Pescamar
  • Gambas cocidas que reservamos na preparación da crema
  • 2 ovos
  • Faragulla de pan
  • 1 tomate relado sen pebidas
  • Allo en po
  • Sal
  • Aceite de oliva virxe extra 

 

Preparación da 'bisqué':

Cocemos as gambas enteiras cun chisco de sal. Retiramos do lume e pelámolas. Reservamos. Introducimos as cabezas e o cacho na auga, engadimos o líquido da lata de berberechos ao natural Pescamar e volvemos cocer ata obter un caldo consistente. 

Á parte, refogamos en aceite de oliva, previamente cortados en pequenos anacos, os allos tenros, os porros, a cebola e as patacas. Vertemos o coñac, o viño branco e a auga de cocer as gambas, tras pasala por un coador, e deixamos ferver 30 minutos.

Transcorrido este tempo, pasamos o contido da cazola polo coadoiro chinés, levámolo de novo a ebulición e salpementamos. Engadimos aos poucos a nata ata acadar a consistencia cremosa desexada.

Preparación das tortas de berberechos:

Nun bol mesturamos os ovos batidos, os berberechos ao natural Pescamar, as gambas, o tomate relado, o allo en po e o sal. A continuación, imos engadindo a faragulla de pan e mesturando ata obter a consistencia que desexemos para as tortas.

Estiramos a masa nunha superficie plana e cun molde cilíndrico pequeno, ou mesmo unha cunca, imos formando tortas redondas. Unha a unha ímolas fritindo no aceite.

Presentación:

No prato de cada comensal colocamos unha torta e por riba servimos a 'bisqué'. 

En quince días, os produtos do mar serán de novo protagonistas dunha nova receita de "A cociña gourmet en conserva" de Conservas Pescamar.