'Bici no tren xa', unha mobilización simultánea en toda Galicia para facilitar a intermodalidade bici-tren

Pontevedra
19 de marzo 2022

As estacións de ferrocarril de Pontevedra e Vilagarcía foron este sábado un dos puntos de Galicia no que colectivos de ciclistas e ecoloxistas cumprimentaron decenas de follas de reclamacións e despregaron pancartas. Sumáronse ás protestas Arousa en Bici, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace ou Pedaladas

Protesta 'Bici no tren xa' en Vilagarcía de Arousa Greenpeace

As estacións de ferrocarril de Pontevedra e Vilagarcía foron este sábado dous dos puntos de Galicia no que colectivos de ciclistas e ecoloxistas cumprimentaron decenas de follas de reclamacións e despregaron pancartas para pedir a Renfe que facilite a intermodalidade bici-tren.

Decenas de persoas acudiron coas súas bicicletas aos despachos de billetes de estacións ferroviarias do Eixo Atlántico para esixirlle á compañía poder transportar sen dificultades as súas bicicletas e así usalas despois nas cidades de destino. Foi unha acción coordinada á mesma hora nas estacións da Coruña, Compostela, Vilagarcía, Pontevedra e Vigo-Urzáiz.

Sumáronse ás protestas os colectivos A Golpe de Pedal, Arousa en Bici, Composcleta, Conbici, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, Mobi-liza, Mulleres Bicivisíbeis, Pedaladas, Verdegaia e Vigo Ciclábel.

As persoas participantes cubriron ducias de follas de reclamacións nas que pediron a Renfe que permita levar máis bicicletas nos trens e que non cobre suplemento por traxecto e amosaron pancartas coa mensaxe "Bici no Tren Xa!".

Segundo os colectivos, en Galicia a intermodalidade entre o tren e a bicicleta é "case unha andrómena". A ausencia de trens de proximidade fai que os percorridos polo Eixo Atlántico só se poidan facer en trens de Media Distancia (Avant,  MD e Rexionais) e acusan a Renfe de poñer "demasiadas dificultades" para que neste tipo de  trens, ao contrario que acontece nos de cercanías doutros lugares do Estado, as persoas poidan desprazarse coa súa bicicleta para despois empregala como medio de transporte sostíbel no destino. Nos trens rexionais e  MD galegos a compañía só permite subir tres bicicletas por traxecto completo e cobra un suplemento cando os traxectos son de máis de 100 quilómetros.

Así, por exemplo, unha familia ou un grupo de máis de tres persoas non pode levar as súas bicicletas no mesmo tren, tan só "se ten a sorte de que alguén que viaxa na mesma liña non collera antes os tres billetes"

Nas reclamacións presentadas a Renfe insistiron en catro puntos fundamentais: que procure unha solución para non limitar o número de bicis nun tren a só tres por traxecto; que se permita subir bicicletas sen encartar nos trens Avant; que o custo por levar a bici no tren sexa de balde, independentemente do número de quilómetros que se percorran; e que Renfe sexa consecuente coa súa campaña 'Tren e Bici para a mobilidade urbana' nos trens de MD en Galicia, xa que non se dispón dun servizo de cercanías e isto crea unha discriminación coas viaxeiras e viaxeiros galegos.