Besteiro será "garante" de que Pontevedra estea conectada en AVE con Porto

Pontevedra
29 de xaneiro 2024

A conexión de Galicia con Portugal a través da alta velocidade será unha prioridade para un goberno socialista na Xunta. Trátase dun proxecto que José Ramón Gómez Besteiro "defenderá a capa e espada", segundo destacaron este luns Paloma Castro e Iván Puentes

Dirixentes socialistas coa estación de tren de Pontevedra ao fondo PSdeG-PSOE de Pontevedra

A conexión de Galicia con Portugal a través da alta velocidade será unha prioridade para un goberno socialista na Xunta. Trátase dun proxecto que José Ramón Gómez Besteiro "defenderá a capa e espada", segundo destacaron este luns Paloma Castro e Iván Puentes.

Fronte á "falta de peso político" dun Alfonso Rueda que queda "caladiño" ante a alianza de Ayuso e o PP para unir Lisboa con Madrid en detrimento do AVE a Galicia, o PSOE sostén que os intereses de Pontevedra"deben defenderse con feitos".

Castro incidiu en que o AVE Portugal-Galicia resulta esencial "non só para a economía da nosa comunidade, senón tamén para unha cidade como Pontevedra que aspira a ser unha capital de provincia capaz de xerar futuro e emprego vencellados ao sector comercial e industrial".

"Boa parte dese futuro pasa por completar o corredor atlántico e por conectarnos mediante alta velocidade co norte de Portugal, por vertebrar dunha vez por todas a eurorrexión Galicia-Norte de Portugal", subliñou a candidata socialista.

O portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, lembrou que en marzo "veremos os novos trens de alta velocidade parados na estación de Pontevedra", que permitirán aos pasaxeiros chegar a Madrid en pouco máis de tres horas e media.

Puentes defendeu que Pontevedra precisa que esta vía que hoxe remata en Vigo sexa prolongada ata Portugal "e que poidamos ter nela unha das principais potencialidades de desenvolvemento económico para os vindeiros anos".

"Galicia non pode permitirse quedar atrás unha vez máis e José Ramón Gómez Besteiro como presidente da Xunta garante que os tres gobernos socialistas (Portugal, Madrid e Galicia) traballen conxuntamente para que Pontevedra estea conectada por alta velocidade con Porto e co resto de Portugal antes que ningunha outra cidade española", salientou o edil socialista.

Arquivado en