Besteiro avanza en Pontevedra que "pronto" haberá "moi boas noticias" en materia ferroviaria

Pontevedra
23 de decembro 2023

Un día antes da Noiteboa, o candidato do PSdeG-PSOE á presidencia da Xunta de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, quixo visitar a cidade de Pontevedra para manter un encontro aberto cos cidadáns, chamados ás urnas o próximo 18 de febreiro

Visita de José Ramón Gómez Besteiro ao mercado de abastos de Pontevedra PSdeG-PSOE

Un día antes da Noiteboa, o candidato do PSdeG-PSOE á presidencia da Xunta de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, quixo visitar a cidade de Pontevedra para manter un encontro aberto cos cidadáns, chamados ás urnas o próximo 18 de febreiro.

Fíxoo durante un paseo polo mercado abastos de Pontevedra, onde saudou a comerciantes e clientes, e cun acto político que se celebrou na Praza do Teucro.

E Gómez Besteiro, nesta estancia na Boa Vila, avanzou que "pronto" haberá "moi boas noticias" con respecto a unha das principais demandas dos cidadáns, a posta en marcha dun servizo ferroviario de proximidade e a mellora das frecuencias de media distancia.

O líder socialista lembrou que o tren de proximidade entre Pontevedra e Vigo xa formaba parte do pacto de investidura asinado entre o PSOE e o BNG.

Ademais, subliñou que a chegada dos trens Avril a Galicia vai "revolucionar" o servizo, polo que reiterou que "pronto falaremos" das novas maquinarias, os novos horarios e as novas frecuencias que terán os viaxeiros do arco atlántico.

Besteiro, na súa intervención ante os medios, tamén criticou a submisión que aprecia no actual presidente galego, Alfonso Rueda, cara ao seu predecesor, Alberto Núñez Feijóo.

"Aquí parece que hai tutelas e tutíos", sinalou Gómez Besteiro en Pontevedra, parafraseando a coñecida expresión que Manuel Fraga pronunciou en 1990, cando mostrou o seu apoio a José María Aznar para sucederlle como presidente nacional do Partido Popular.

O líder socialista asegurou que "me equivoquei" ao emprazar a Rueda a decidir "cando e como" se celebrarán os debates electorais nos comicios previstos en Galicia para o próximo 18 de febreiro porque "tiña que facelo con Feijóo".

Besteiro reiterou que "hai tantos temas dos que falar que é necesario que Rueda sente nunha mesa diante de todos os galegos para debater sobre os problemas que temos, como os imos a solucionar e como imos aproveitar as oportunidades".

En 2024, segundo Gómez Besteiro, empezará un ano no que o Goberno central ten "moitos proxectos para Galicia", polo que avogou pola necesidade da comunidade teña un goberno "que traballe na mesma dirección", co "impulso" das cidades.

Fronte a iso, engadiu, o que propón o PP é "seguir poñendo paus nas rodas, unha política de confrontación, líos e cero soluciones".

Arquivado en