Besteiro asumirá desde a Xunta o proxecto de Pontevedra Flúe para Valdecorvos

Pontevedra
24 de xaneiro 2024

O proxecto para acabar cos asolagamentos na rúa Fernando Olmedo, a través da creación de balsas de inundación e lagoas artificiais no parque de Valdecorvos, será unha realidade se o socialista José Ramón Gómez Besteiro goberna en Galicia tras as eleccións do 18F

Paloma Castro, Lina Garrido e Iván Puentes, en Valdecorvos PSdeG-PSOE de Pontevedra

O proxecto para acabar cos asolagamentos na rúa Fernando Olmedo, a través da creación de balsas de inundación e lagoas artificiais no parque de Valdecorvos, será unha realidade se o socialista José Ramón Gómez Besteiro goberna en Galicia tras as eleccións do 18F.

Así o aseguraron este mércores as candidatas Paloma Castro e Lina Garrido, que acompañaron ao voceiro municipal do PSOE, Iván Puentes, impulsor a actuación, nunha visita a este parque.

A execución deste proxecto, segundo os representantes socialistas, "unicamente depende dun goberno da Xunta con vontade de sacalo adiante", ao ser "máis que factible" economicamente, xa que está valorada nuns 700.000 euros.

"Con Besteiro como presidente esta será unha actuación prioritaria", subliñou Paloma Castro, que destacou a importancia desta obra "sobre todo tendo en conta o importante problema que atallaría", as continuas inundacións en Fernando Olmedo.

Puentes lembrou que os asolagamentos "xa non son algo inexorable", senón que teñen unha "solución moi fácil", construír na parte alta do río, no contorno do rego de Valdecorvos, unhas lagoas capaces de asumir os incrementos de caudal do rego e que eviten os desbordamentos.

De aí que subliñara que "precisamos un PSOE forte en Pontevedra e que goberne Galicia para poder poñer fin a este problema dunha vez por todas".

Arquivado en