Besteiro acusa a Rueda de "mentir" aos galegos e "ocultar" a crisis dos pellets

O Salnés
09 de xaneiro 2024

O candidato do PSdeG-PSOE á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, acusou a Alfonso Rueda de "mentir" aos galegos e "ocultar" a crise ambiental que está a provocar a chegada de pellets de plástico á costa.

José Ramón Gómez Besteiro, na praia do Carreirón EFE / Salvador Sas

O candidato do PSdeG-PSOE á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, acusou a Alfonso Rueda de "mentir" aos galegos e "ocultar" a crise ambiental que está a provocar a chegada de pellets de plástico á costa.

En declaracións aos xornalistas na Illa de Arousa, onde visitou a praia do Carreirón, unha das zonas afectadas pola aparición destes microplásticos, Gómez Besteiro sinalou que "merecemos un goberno que non nos minta".

"Hai un mes o presidente convocou eleccións, marchou de vacacións e ocultou o que está a suceder no noso litoral", sinalou o líder socialista, que asegurou que durante todo ese tempo Rueda "non se preocupou pola xente do mar".

Os sectores relacionados co mar, que segundo Besteiro, "levan un ano ben complicado", non están a ser atendidos pola Xunta de Galicia, a pesar das "consecuencias" que esta "catástrofe ambiental e institucional" está a provocar na costa galega.

Gómez Besteiro subliñou que "non lle boto a culpa" ao goberno galego desta "marea plástica", pero si lles responsabiliza "da ausencia, da incompetencia e de mentir aos galegos".

"O importante é que haxa máis recursos, que a limpeza sexa máis efectiva e inmediata", sentenciou Besteiro, que defendeu que "non podemos deixar pasar nin un segundo para limpar o que hai nas praias galegas".

A este respecto, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, engadiu que o goberno galego está "totalmente superado" por esta situación e esixiu que Rueda dea unha resposta "á altura das circunstancias" deixando a un lado o "pim pam pum" que mantén co Estado.

"Non é o momento de confrontacións estériles e inútiles", destacou Pontón na súa visita ao parque natural de Corrubedo, reclamando que haxa "medios suficientes" para facerlle fronte a esta catástrofe ambiental que está a padecer a costa galega.

A candidata nacionalista criticou ademais a "estratexia de manipulación e ocultación" do PP e lembrou que a Fiscalía de Medio Ambiente apunta aos pellets como residuo "potencialmente tóxico" e o risco que existe de que afecten á fauna marítima e terrestre. 

Pontón lamentou que o PP aplique a mesma estratexia que na catástrofe do Prestige porque "primeiro oculta o problema, despois intenta minimizalo, máis tarde intenta responsabilizar a outras administracións e a continuación recorre á manipulación e á propaganda informativa".