Berros de "o sionismo é terrorismo" diante do edificio da Xunta de Galicia

Pontevedra
07 de maio 2024

Un grupo de persoas convocadas polo sindicato CIG concentrábase este martes 7 de maio ante o edificio administrativo en Campolongo para amosar o rexeitamento do persoal da administración pública galega aos ataques que Israel está a realizar contra a poboación de Palestina

Concentración da CIG para reclamar o cese dos ataques de Israel a Palestina Mónica Patxot

"Non é unha guerra, é un xenocidio", "as nenas de Gaza non son unha ameaza" ou o contundente "o sionismo é terrorismo" foron algúns dos retrousos coreados este martes 7 de maio ás portas do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Campolongo.

A CIG convocaba este acto cun chamamento ao persoal das administracións públicas para pedir o cese inmediato do conflito bélico armado que Israel mantén contra a poboación palestina.

Luis Carballo Pose, secretario nacional da CIG en Administración Pública, denunciaba que "Israel fai ataques, xenocidios e mutilacións que non poden continuar. Consideramos oportuno facer un chamamento pola paz".

O representante da central nacionalista pide ao resto de administracións que se sumen ás protestas e reclama que os cartos públicos sexan destinados á cidadanía "e non para alimentar un conflito coa compra de armamento, que debe cesar para deter o conflito", denunciaba Carballo. 

Neste sentido, sinalaba que as administracións públicas deben unirse e demandar que se paralicen os acordos bilaterais entre a Unión Europea e Israel.

O sindicato tamén entende que é "fundamental" que o goberno de España, que lidera Pedro Sánchez, recoñeza a Palestina como estado de pleno dereito. "Parécenos correcto", afirmaba Luis Carballo durante a concentración.

En canto ao bombardeo do paso de Rafah nas últimas horas que finalicou co exército israelí facéndose co control do lado palestino neste enclave fronteirizo cando se estaba a negociar unha posible tregua na Franxa de Gaza, o representante sindical insistía en que "bombardear zonas onde hai civiles, nenos e nenas, mulleres e maiores que non se poden servir por se mesmos non se pode asumir. Calquera acto bélico e terrorista denunciámolo e opoñémonos firmemente", concluía.