Benestar Social activa catro cursos de formación para persoas en risco de exclusión

Pontevedra
05 de outubro 2024

A concellería de Benestar Social de Pontevedra, dirixida por Anabel Gulías, presenta estes novos cursos de Formación Adaptada e Participación Social na Casa Azul para potenciar as capacidades das persoas asistentes coa intención de que se integren no ámbito laboral

Anabel Gulías, concelleira de Deportes de Pontevedra Mónica Patxot

A concellería de Benestar Social de Pontevedra, dirixida por Anabel Gulías, vén de lanzar catro novos cursos de Formación Adaptada e Participación Social na Casa Azul.

Esta iniciativa busca dar resposta ás necesidades educativas de persoas en situación de vulnerabilidade que procuran acceder ou reintegrarse ao mundo laboral, mellorar o seu emprego e afastarse do risco de exclusión.

O obxectivo é mellorar a formación, facilitar a inserción laboral e promover a sociabilidade dos participantes.

Os catro itinerarios formativos ofertados son:

  1. ESA (Educación Secundaria para Adultos): Apoio educativo para persoas matriculadas na EPA ou que optan ao exame libre de ESO.

  2. Competencias Clave 2: Inclúe formación en Lingua Castelá, Lingua Galega, Matemáticas e Inglés. Ao superar este nivel, equivalente a 2º da ESO, os alumnos poden acceder aos cursos de familias profesionais do SEPE.

  3. Competencias Clave 1-B: Céntrase en habilidades sociais, comprensión lectora e expresión oral.

  4. Competencias Clave 1-A: Dirixido a persoas que precisan alfabetización ou inmersión lingüística e cultural.

Actualmente, hai arredor de cincuenta persoas matriculadas nestes cursos.

Entre eles atópanse persoas que abandonaron os estudos antes de rematar a ESO, aquelas que necesitan adquirir competencias clave para acceder a cursos do Servizo de Emprego, e outras que precisan mellorar as súas habilidades sociais e lingüísticas para integrarse no mundo laboral.

Os cursos forman parte do Plan de Inclusión Social e Loita contra a Pobreza, co-financiado polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+) a través do programa FSE+Galicia 2021-2027.