Apenas unhas horas despois de que o escritor Luis Rei presentase a súa candidatura para liderar Marea Pontevedra de cara ás próximas eleccións municipais, Xosé Manuel Beiras e Martiño Noriega -principais dirixentes de Anova, partido que se integrou nesta candidatura cidadá- coincidiron en cualificar como "positivo" o paso adiante dado por esta figura de "consenso" polo seu carácter como referente.
En declaracións a PontevedraViva antes do acto político que ambos os dous protagonizaron no IES Frei Martín Sarmiento, Xosé Manuel Beiras considerou a Luis Rei, ao que avalaron unha decena de integrantes de partidos políticos e colectivos sociais, como un "excelente" escritor e intelectual. Destacou que se trata dunha persoa que estivo sempre comprometido coa cidadanía" dende unha posición "progresista e en clave nacional".
Sexa el ou non finalmente o candidato de Marea Pontevedra, Beiras e Nogueira celebraron que tamén en Pontevedra xurdisen estas "alternativas de unidade popular". Se ben, ambos os dous destacaron que o goberno do BNG na cidade, encabezado por Miguel Anxo Fernández Lores, "fixo moitas cousas positivas e non ten nada que ver co goberno do PP na Coruña ou mesmo os de Abel Caballero en Vigo ou Orozco en Lugo".
Neste sentido, insistiron en que estas candidaturas cidadás non se teñen que ver como o "inimigo" do BNG e que non buscan un escenario de "confrontación" con Lores, senón máis ben actuar como un "elemento enriquecedor". Martiño Nogueira sinalou que o modelo de cidade desenvolvido en Pontevedra é necesario "compartilo e osixenalo", porque entende que despois de anos de experiencia "un tende a acomodarse e adquirir hábitos que se afastan dos proxectos orixinais".
ACTO POLÍTICO EN PONTEVEDRA
Xosé Manuel Beiras e Martiño Noriega acudiron este mércores a Pontevedra para participar nun acto político de Anova celebrado no salón de actor do IES Frei Martín Sarmiento. Nel, baixo o nome 'Como cambialo todo. Confluencia municipal e creba democrática', analizaron a actual situación política e a próxima convocatoria electoral.
Neste sentido, destacaron a importancia destas candidaturas de unidade popular que se formaron en Galicia e das frontes políticos amplos para camiñar cara a unha "creba democrática" co réxime vixente e o cuestionamento por parte da sociedade das políticas "austericidas e de agresión á cidadanía".