Este mércores 13 celébrase o Día do Neno Hospitalizado e o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra aproveitaba esta data para presentar unha guía para explicar aos menores como é o proceso dunha intervención cirúrxica pediátrica.
Trátase dunha publicación con ilustracións infantís que leva por título 'Beatriz vai ao quirófano feliz' e a intención é que os temores, a tensión e a ansiedade á que se poden enfrontar os menores ante unha operación diminúan coa lectura da guía. No texto utilízase unha linguaxe próxima, sinxela e agradable para que tanto o paciente como as familias atopen unha contorna máis confortable.
Os anestesistas Yolanda Sanduende, Cristina Barreiro e Sergio Martínez Fernández encargáronse de presentar esta iniciativa que fomenta o plan de acollida ao paciente pediátrico na área cirúrxica. a publicación achega información hospitalaria enumerando as pautas pre-cirúrxicas.
O obxectivo é dotar de máis protagonismo aos menores para que sentan partícipes no proceso de hospitalización e intervención. Desta forma, dentro deste plan de humanización, os máis pequenos ao ingresar reciben un cuestionario sinxelo e entrégaselles un carné de conducir que lles autoriza a conducir un vehículo de xoguete pola contorna hospitalaria onde se realizan as operacións.