BBVA pecha unha das súas oficinas en Pontevedra, a de García Camba

Pontevedra
05 de outubro 2021

A sucursal deberá botar o peche o próximo 17 de outubro. Os clientes serán derivados ás oficinas centrais do banco en Pontevedra, situada na rúa Gutiérrez Mellado. Dous dos seus tres traballadores serán recolocados noutras sucursais, segundo informan fontes sindicais

Oficina de BBVA na rúa García Camba PontevedraViva

Unha nova sucursal bancaria pecha en Pontevedra. Neste caso trátase dunha das oficinas que o banco BBVA tiña no centro da cidade.

A sucursal que operaba baixo a denominación BBVA Express, na rúa García Camba, é a que deberá botar o peche o próximo 17 de outubro.

Así comezou a comunicarllo o banco aos seus clientes.

A partir do día 18, todos eles serán derivados ás oficinas centrais do banco en Pontevedra, situada na rúa Gutiérrez Mellado.

Dous dos seus tres traballadores serán recolocados noutras sucursais, segundo informan fontes sindicais. Un deles será trasladado á oficina central e outro á de Poio.

BBVA quedará con só tres sucursais en Pontevedra, xa que ademais da de Gutiérrez Mellado manteranse operativas as que están nas rúas Sagasta e Loureiro Crespo.