Barro reparte máscaras hixiénicas entre os nenos do municipio de cara ao inicio das súas saídas o domingo

Barro
24 de abril 2020

O Concello de Barro, que leva semanas elaborando máscaras hixiénicas para repartir a toda a veciñanza, decidiu nos últimos días mercar 1.000 unidades de máscaras hixiénicas de máxima calidade pensando tamén nos máis pequenos. As pezas foron adaptadas para catro talles diferentes 

Costureira que elabora máscaras para o Concello de Barro Concello de Barro

O Concello de Barro, que leva semanas elaborando  máscaras hixiénicas para repartir a toda a veciñanza, decidiu nos últimos días mercar 1.000 unidades de máscaras hixiénicas de máxima calidade pensando tamén nos máis pequenos. As pezas foron adaptadas polas costureiras para catro talles diferentes e distribuiranse aos nenos nos seus domicilios antes do vindeiro domingo, primeiro día en que poderán saír a pasear unha hora acompañados dun adulto.

O Concello repartiu ata o pasado mércores máscaras entre toda a veciñanza. Para elaboralas, mercou 4.100 teas homologadas de TNT (téxtil non tecido) de acordo coa Guía técnica do Ministerio de Industria e foron confeccionadas por 15 costureiras voluntarias.

O alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, quere agradecerlle o seu "gran esforzo e traballo desinteresado" a estas costureiras, que fixeron posible que en poucos días as máscaras estiveran elaboradas e distribuídas entre a poboación.

Esta é unha medida máis das que está tomando o Goberno municipal para evitar a propagación da pandemia en Barro xunto coa desinfección dos lugares máis sensibles de todo o concello; coas axudas a todas aquelas familias que peor o están pasando economicamente; co reparto de materiais educativos ou co servizo ás persoas que o necesitan para realizar actividades cotiás que non poden realizar por si mesmas.