Barro reclama de xeito unánime que a Xunta cumpra a reforma prometida na PO-531

Barro
26 de maio 2022

O pleno da corporación municipal de Barro aprobou por unanimidade unha iniciativa para reclamarlle á Xunta de Galicia que cumpra as súas promesas para mellorar a seguridade viaria na estrada PO-531, executando a reforma anunciada hai tres anos

Treito da PO-531 ao seu paso por Barro Concello de Barro

O pleno da corporación municipal de Barro aprobou por unanimidade unha iniciativa para reclamarlle á Xunta de Galicia que cumpra as súas promesas para mellorar a seguridade viaria na estrada PO-531, executando a reforma anunciada hai tres anos.

A actuación prevista na zona parroquia de Curro incluía, entre as súas principais obras, a construción dunha rotonda e dun paso soterrado no lugar de Bretoña, para dar solución ao cruzamento de peóns e vehículos agrícolas.

Tras o anuncio realizado en 2019, denuncian desde Barro, o proxecto "nin está executado nin hai coñecemento de que se vaia a executar proximamente", polo que ante o "incumprimento da palabra dada", a corporación esixe que se retome esta actuación.

Ademais de actuar en Bretoña, a Xunta de Galicia tamén ten pendente executar as obras de mellora da seguridade viaria no tramo vello da PO-531 en Outeda e a reparación da pista que discorre paralela á igrexa de Curro, que está en moi mal estado.

Na sesión plenaria, a corporación aprobou tamén un convenio coa Deputación de Pontevedra para regular a encomenda da xestión do servizo de vixilancia e inspección en materia de residuos e unha moción para tratar de potenciar a feira municipal dos domingos.

Entre as medidas incluídas nesta moción están a promoción do mercado, unha reunión cos comerciantes para saber cales son as causas da baixa participación de postos ambulantes ou un estudo sobre unha posible exención temporal da taxa.