Barro presenta unha programación do Nadal chea de actividades

Barro
16 de decembro 2022

O Concello de Barro presentou este venres a súa programación para o Nadal onde haberá actividades de lecer para os máis pequenos, concertos, maxia, cinema ou contacontos  

Presentación do programa de Nadal en Barro Concello de Barro

O Concello de Barro presentou este venres a súaprogramación para o Nadal onde haberá actividades de lecer para os máis pequenos, concertos, maxia, cinema ou contacontos.

Comezarán o xoves 22 de decembro a partir das 18:00 horas coa inauguración das instalacións e a iluminación do Pazo onde, entre as 18:30 e as 20:00 horas, Papá Noel recibirá aos máis pequenos. A xornada estará amenizada desde as 19:00 coa actuación de Cé orquestra pantasma.

Ao día seguinte, o venres 23, Papá Noel volverá encher de ilusión aos nenos e nenas que queiran visitalo entre as 18:00 e as 20:00 no Pazo. Unha vez finalizada a recepción, haberá unha audición por parte do alumnado da Escola de música de Barro. Será a partir das 20:00 horas.

O día 24 entre as 12 e as 14:00 horas será a última oportunidade para visitar a Papá Noel antes da gran noite na que visitará os fogares. Pola tarde, ás 19:00 horas, será o Apalpador o que visitará Barro.

Tras dous días sen actividade, o martes 27 celebrarase o concerto de Ana Angueira e Mudland; o mércores será a quenda da arpista Bleuenn Le Friec, na Capela do Pazo; o día 29 actuará o Coro parroquial de Curro, o da Portela e o Grupo de Acordeóns 'Rías Baixas' e o venres 30 haberá dobre concerto co grupo de pandeireteiras de Peñaflor e a Coral Polifónica de Barro. Todos serán a partir das 20:00 horas.

O día que termina o ano, o 31 de decembro, o Concello de Barro ten preparada unha festa infantil fin de ano cunhas badaladas ás 11:30 horas.

Xa no ano 2023, concretamente o día 3 de xaneiro, haberá un espectáculo de maxia titulado 'Do Maxín á realidade' e, o día 4, será a quenda do contacontos con 'A verdadeira historia de Hamelin'.

Os Reis Magos serán o prato forte do nadal cunha recepción no Pazo da Crega o día 5 ás 17:30 horas, acompañados polo grupo de danzas 'Amor Ruibal', previa á gran cabalgata que finalizará na Nave da música coa actuación de DJ Moe.

As festas concluirán coa visualización da película 'A Lenda de Klaus' o día 7 ás 19:00 no Pazo da Crega e o concerto de Reis a cargo da Banda de música xuvenil de Barro o día 8 de xaneiro ás 18:00 horas.