Barro presenta a programación da XLV Festa do Viño

Barro
30 de maio 2024

O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, ven de presentar a programación da Festa do viño da que destacou que foi elaborada "con moito mimo", que está "pensada para todos os públicos" e na que "se lle quixo dar un espazo protagonista ás entidades e artistas locais"

Verbena na Festa do Viño de Barro Concello de Barro - Arquivo

O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, ven de presentar a programación da Festa do Viño, da que destacou que foi elaborada "con moito mimo", que está "pensada para todos os públicos" e na que "se lle quixo dar un espazo protagonista ás entidades e artistas locais".

O encargado de dar o pregón será Ramón Ballesteros, enfermeiro durante 24 anos no centro de saúde de Barro e que deixou unha fonda pegada entre a veciñanza.

A programación da Festa do Viño de Barro contará coas actuacións de Jorge Menéndez e Son das Tabernas complementan as actuacións de catro orquestras de primeiro nivel como son París de Noia, Marbella, Capitol e La Ola ADN. A Banda Xuvenil de Barro será a encargada de poñerlle o ramo á festa desta vez será co espectáculo Verbena Sinfónica.

Tamén haberá espazo para a música tradicional, co Grupo de danzas Amor Ruibal, que se encargará da inauguración do XVII certame Rías Baixas, e as pandereteiras da AC Peñaflor. E en canto á música coral, actuarán a Coral Polifónica de Barro e a Coral da Portela.

Ademais das diversas actuacións musicais, nesta edición haberá tamén actividades pensadas para os máis cativos, un espazo para deporte cun torneo de tenis e outro de fútbol, unha exposición de motos clásicas e a tradicional sardiñada e xantar popular.

As catas finais celebraranse o domingo 16, momentos antes da entrega de premios nos que se coroarán os mellores viños locais caseiros e os mellores viños das adegas da DO Rías Baixas.