Barro mellorará os accesos ao lugar do Concello

Barro
23 de marzo 2021

O Goberno local investirá cerca de 95.000 euros nun proxecto para a mellora de accesos ao lugar do Concello, na parroquia de Agudelo

Vial na parroquia de Agudelo Concello de Barro

O Goberno municipal de Barro elaborou un proxecto para mellorar o acceso ao lugar do Concello, na parroquia de Agudelo, cuxo orzamento ascende a 94.525 euros e que sairá a contratación nas vindeiras semanas. 

Esta actuación consistirá na ampliación do vial nun tramo de máis de 250 metros lineais e na construción de muros de contención no mesmo, co obxectivo de dar un mellor aceso a este lugar e mellorar a seguridade viaria nun tramo estreito polo que diariamente discorren moitos vehículos e no que hai puntos de pouca visibilidade.

Para o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, esta actuación "encádrase na liña que vimos seguindo desde que son alcalde, mellorar a seguridade viaria naquelas zonas máis perigosas e mellorar o acceso aos núcleos, co obxectivo de mellorar a calidade de vida da veciñanza e de ter un rural cos mellores servizos".

Así mesmo, o alcalde referiuse á colaboración veciñal necesaria para poder levar a cabo este tipo de obras "quérolle agradecer ás veciñas e aos veciños que nos ceden os seus terreos, tanto neste proxecto como nos outros moitos deste tipo que levamos realizado desde que estou na Alcaldía, porque sen eses xestos sería imposible realizar este tipo de actuacións que benefician ao conxunto da veciñanza de Barro".