Barro mellora os servizos nunha ducia de núcleos de poboación co Plan Concellos

Barro
21 de xaneiro 2021

O Concello de Barro estreou nova rede de saneamento en Perdecanai, acondicionou o exterior da piscina municipal e mellorou o alumeado público nunha ducia de lugares cun investimento conxunto do Plan Concellos de máis de 110.000 euros

O deputado provincial de Cooperación, Santos Héctor; o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández; e o concelleiro de Obras, Iván Bello Deputación de Pontevedra

O Concello de Barro estreou nova rede de saneamento en Perdecanai, acondicionou o exterior da piscina municipal e mellorou o alumeado público nunha ducia de lugares cun investimento conxunto do Plan Concellos de máis de 110.000 euros. O deputado provincial de Cooperación, Santos Héctor, achegouse ao municipio para coñecer as actuacións e visitou as obras acompañado polo alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández, e o concelleiro de Obras, Iván Bello.

Santos Héctor trasladaba ao alcalde e ao concelleiro de Obras as súas felicitacións polas accións levadas a cabo, xa que con elas actuouse en tres cuestións básicas para a cidadanía "o saneamento, a pavimentación e as novas tecnoloxías". O deputado provincial recalcou tamén que con estas achegas do Plan Concellos realizáronse actuacións en doce lugares diferentes, unha boa parte do termo municipal.

Pola súa banda, Xosé Manuel Fernández quixo resaltar o importante que é para os concellos coñecer a comezos de ano os recursos económicos dos que disporán para investimentos, contratación de persoal ou gastos correntes, como é o caso do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. No que respecta a estas dúas obras, o alcalde de Barro puxo en valor a mellora de calidade de vida da veciñanza así como o feito de dar servizo a un maior número de xente.

No lugar de Outeiro, pertencente á parroquia de Perdecanai, realizáronse actuacións de urbanización por valor de máis de 90.000 euros coas que se substituíu a rede de saneamento anterior, que presentaba deficiencias, por unha nova. Ademais, con esta  partida tamén se realizou un acondicionamento parcial do exterior do recinto da piscina municipal, realizada con fondos da Deputación a través do Plan Reequilibrio e do Plan Concellos 2018, mediante paseos peonís de acceso á piscina.

Outra actuación destacada é a mellora do alumeado público exterior, co que se dotou a varios emprazamentos dunha instalación de iluminación para conseguir maior seguridade tanto do tráfico de vehículos como peonil. Estas actuacións contaron cun orzamento de 22.000 euros. As zonas que iluminaron neste termo municipal grazas a estas achegas son os lugares de Lardoeira, Perdecanai-Agriño, Faxil, Mané de Arriba, Güimil, Cangrallo, Cemiterio de Curro, Triaba-Centro, Portela-Piñeiro, Valvón-Peitoxo, Perdecanai-Igrexa, Valvón a Tanatorio, Tanatorio a Valvón e Estrada Provincial Perdecanai.