Barro mellora a súa rede viaria nas parroquias de Valiñas e Curro

Barro
17 de xullo 2024

O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, trasladou que "un dos principais obxectivos principais é seguir mellorando os accesos aos distintos núcleos"

Fernández Abraldes, Iván Bello e Roberto Rivas Concello de Barro

O alcalde de Barro, Fernández Abraldes, o concelleiro de obras de accesos a núcleos e medio rural, Iván Bello, e o concelleiro da parroquia de Valiñas, Roberto Rivas, supervisaron o remate das obras de mellora de acceso ao lugar de Ortigueira, na parroquia de Valiñas.

Estas obras, consistiron na pavimentación e no ancheamento da estrada, así como na construción de gabias para as augas pluviais nas marxes. O orzamento total deste proxecto ascendeu a 56.035,49 euros e foi executado pola empresa Oresa S.L. 

Para financiar esta actuación, o goberno municipal contou cunha subvención de 47.373 euros da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, a través do programa Plan Marco de mellora de camiños municipais. A cantidade restante financiouse con fondos propios municipais.

O goberno municipal vén de adxudicar á empresa COVSA, despois de que esta presentara as mellores ofertas en ambos os dous procesos de contratación, dous proxectos para continuar mellorando a rede viaria do municipio nas parroquias de Valiñas e Curro, por un importe total de 129.514,07 euros, que se financiará con cargo ao Plan Concellos 2023 da Deputación de Pontevedra.

Unha destas actuacións servirá para mellorar o acceso ao lugar de Bretoña desde a PO-531, na parroquia de Curro, mentres que a outra será na parroquia de Valiñas e coa que o goberno municipal lle dará continuidade á actuación xa executada no lugar de Ortigueira.

Abraldes trasladou que "un dos principais obxectivos principais é seguir mellorando os accesos aos distintos núcleos, poñendo en valor as parroquias e facendo que Barro sexa cada vez máis un concello atractivo e cómodo para vivir".