Barro concede licenza ás novas instalacións no polígono de Artesa Rías Baixas

Barro
22 de decembro 2022

Esta empresa, que inicialmente contará con arredor de 15 persoas empregas, traslada a súa produción a Barro desde o porto de Marín e vaise dedicar ao procesado e envasado de vieira, polbo, voandeira e ovas de ourizo

Abraldes visita as novas instalacións de Artesa Rías Baixas Concello de Barro

O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, visitou as instalacións que a empresa Artesa Rías Baixas S.L. vén de rematar no polígono de Outeda e que este mesmo mércores a Xunta de Goberno local aprobou a súa licenza de primeira ocupación.

Esta empresa, que inicialmente contará con arredor de 15 persoas empregas, traslada a súa produción a Barro desde o porto de Marín e vaise dedicar ao procesado e envasado de vieira, polbo, voandeira e ovas de ourizo.

A nova nave de Artesa Rías Baixas conta cunha superficie total de 1.730 metros cadrados sobre unha parcela de 2.145 metros cadrados e o orzamento de execución material foi de 1.322.423 euros.

Abraldes mostrouse moi satisfeito "porque o noso polígono se vai consolidando como destino de empresas limpas e dos sectores da alimentación e dos servizos, xa que era un dos nosos obxectivos".

O alcalde tamén indicou que "desde o concello facemos todo o que está na nosa man para axilizarlle ao máximo os trámites ás empresas que escollen Barro para asentarse, para facilitarlle as cousas e conseguir que poidan comezar a traballar canto antes".