Barro concede licencia de primeira ocupación para a nave de conxelados de Froiz

Barro
10 de xullo 2020

O alcalde felicitou á empresa polo resultado final das obras e agradeceu "a súa aposta polo noso polígono", da que esta nave de conxelados é a primeira das actuacións previstas para trasladar a Barro toda a súa plataforma loxística de distribución

Visita do alcalde á nave de conxelados de Froiz Concello de Barro

A Xunta de Goberno Local do Concello de Barro acordou conceder a licenza de primeira ocupación á nave que Distrubuciones Froiz construíu no polígono de Barro.

Na visita realizada a pasada semana a esta instalación por parte do alcalde e os técnicos municipais, comprobouse o "total acabado das obras proxectadas e a gran calidade das solucións técnicas e construtivas empregadas para a execución das mesmas, tanto para conquerir a excelencia en canto á eficiencia enerxética como de medidas de seguridade".

A nave de 3.500 metros cadrados, na que van a traballar arredor de 50 persoas, foi construída nunha parcela de 9.000 metros cadrados.

O alcalde Xosé Manuel Fernández Abraldes felicitou á empresa polo resultado final das obras e agradeceu "a súa aposta polo noso polígono", da que esta nave de conxelados é a primeira das actuacións previstas para trasladar a Barro toda a súa plataforma loxística de distribución.

Nos próximos meses está previsto que tamén rematen as obras doutras catro empresas que xa están en fase de execución: Transportes de madera Díaz & Buceta S.L., Trabegons S.L., Frutas Moncho S.L., e TC Group Atlántico S.L.