Barro, Caldas, Cuntis, Moraña e Portas traballan na continuidade do Servizo de Atención Temperá

Barro
26 de outubro 2018

Os rexedores destes municipios manifestaron a súa intención de continuar prestando este servizo a pesar de que non se trata dunha das súas competencias

Casa do Concello de Cuntis Mónica Patxot

Os concellos de Barro, Caldas de Reis, Cuntis, Moraña e Portas queren seguir prestando o Servizo de Atención Temperá.

A pesar de que non é un asunto que entre nas súas competencias, nestes momentos o Concello de Cuntis xestiona un programa para toda a comarca e traballa na súa continuidade ao tramitar o correspondente expediente ante a Consellería de Política Social.

Faino, asegura o goberno local, asegurándose de cumprir coa legalidade vixente e coa estabilidade orzamentaria dos concellos, pero entendendo que se trata dun servizo "esencial".

O Servizo de Atención Temperá está dirixido a nenas e nenos menores de 6 anos e á súa familia e contorna co obxectivo de dar resposta canto antes ás necesidades que presentan os menores con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos.