Bará sinala a Monte Carrasco, coma "o paradigma das mentiras do PP"

Pontevedra
05 de outubro 2012

"Evidenciar as mentiras do PP" foi o que levou a Luis Bará e outros membros do BNG a desprazárense ate Monte Carrasco, onde debería estar construíndose o novo hospital de Pontevedra, segundo os seus propios cálculos.

Luis Bará e Miguel Fernández Lores, no lugar onde se construirá o hospital de Monte Carrasco BNG Pontevedra

"Paralizar a inversión de Montecelo e a idea de facer un hospital novo o que fixo foi levar adiante o seu propósito de non invertir en Pontevedra". Esta é a interpretación coa que o BNG deu comezo á súa campaña electoral. O número catro pola lista nacionalista para o Parlamento galego, Luis Bará, elixiu Monte Carrasco como destino do seu primeiro acto na carreira electoral para escenificar o "despropósito" da promesa que o PPdeG fixo nas autonómicas de 2009 de dotar a Pontevedra dun novo hospital en detrimento do proxecto xa en marcha por aquel entonces de ampliación de Montecelo. "Xa estamos ante unhas eleccións novas e non se fixo", engadiu o alcalde pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores.

Bará percorreu parte dos terreos nos que a Xunta de Galicia proxecta o novo hospital e quixo "evidenciar as mentiras do PP" en relación con este proxecto, detrás do que, ao seu modo de ver, se agocha a súa intención de non invertir cartos en infraestruturas sanitarias e en sanidade pública en xeral. A pesares de recriminar aos 'populares' que mentiran aos cidadáns e, tres anos e medio despois, a área sanitaria non teña nin un Montecelo ampliado nin un novo hospital, Bará valorou que "no fondo é unha sorte para Pontevedra que sexan uns mentiráns, porque así aínda se pode recobrar o sentido común e parar esta decisión bárbara de construir un hospital privado na cidade".

Con esta frase fixo referencia á intención do actual goberno galego do PP de poñer en marcha un hospital con financiación e xestión público-privada e tamén adiantou unha promesa do BNG se os galegos lle dan a confianza para chegar á nova Xunta de Galicia. Bará anunciou unha promesa previsible en atención ás declaracións que fixo o Goberno local nacionalista na última lexislatura: "o BNG vai facer o posible para que non se constrúa este desastre".

"Nos pararíamos este proxecto e seguiríamos coa ampliación de Montecelo", indicou Bará. O alcalde Lores relatou a intención nacionalista dunha maneira máis coloquial: "imos rehabilitar a casiña e non facer un chalé novo".

"Hai que parar este despilfarro que nos faría tirar pola borda 250 millóns"

"Hai que parar este despilfarro que nos fará tirar pola borda 250 millóns de euros grazas a este sistema de concesións. Para iso van pechar un hospital recén restaurado que simplemente precisa unha ampliación, pero como non poden privatizar a metade do hospital, teñen que construilo de novo para entregarllo a unha gran corporación e que o xestione como un hospital privado que alugan ao Sergas, e que sairá dez veces máis caro que o que costaría poñer a punto Montecelo", indicou Bará.

Engadiu que votar ao BNG "serve para parar esta absurda decisión caprichosa e custosa para construir un hospital privado carísimo, que teremos que pagar nos vindeiros 50 anos a unha empresa privada, e ademáis non dar nen un só paso efectivo para construilo, xa que pasados 4 anos aínda non puxeron nen a primeira pedra e están enredando con estudos previos".

A xuizo dos nacionalistas, "a construción do hospital privado sería unha herencia envenenada que deixaremos aos nosos fillos grazas á política neoliberal que practica o goberno Feijóo, hipotecando os servizos básicos e entregando a súa xestión a grandes empresas, só ávidas de beneficios".

"Este tipo de concesións, auténticos regalos a empresas privadas que a Xunta utiliza na Autovía da Costa da Morte, ou no Hospital de Vigo, fiel reflexo dos modelos fracasados que utilizaron os gobernos autónomos de Madrid e Valencia, hipotencando as contas públicas por anos, logrando servizos de pior calidade", engaden dende o partido nacionalista.

Arquivado en